You are on page 1of 80

LINGUA

E LITERATURA
PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

Manuel Antón Mosteiro García


Edición: Xosé Manuel Moo
Maquetación: Pablo Gutiérrez
Deseño da capa: Miguel Vigo
Produción: Antón Pérez

1ª edición: abril, 2015

© Manuel Antón Mosteiro García, 2015


© Edicións Xerais de Galicia, S.A., 2015
Dr. Marañón, 12. 36211 VIGO
xerais@xerais.es
www.xerais.gal

ISBN: 978-84-9914-846-5
Depósito legal: VG 166-2015

Reservados todos os dereitos. O contido desta obra está protexido pola lei, que prohibe a reprodución,
plaxio, distribución ou comunicación pública, en todo ou en parte, dunha obra literaria, artística
ou científica, ou a súa transformación, interpretación ou execución artística fixada en calquera
tipo de soporte ou comunicada a través de calquera medio, sen a preceptiva autorización.
INTRODUCIÓN

As probas de Selectividade de Lingua galega e literatura constan de sete cuestións que se lle presentan
ao alumnado para a súa resolución.
Os aspectos relacionados coa comprensión e expresión gañan importancia, cunha valoración de 5
puntos dentro da proba. Tres son as preguntas que forman parte deste apartado: dúas breves de com-
prensión, de 1 punto cada unha, e unha máis longa de expresión, de 3 puntos. Dúas son as preguntas
de gramática que se lle proporán ao alumnado, cunha valoración de 1 punto cada unha. Ademais,
haberá tamén unha pregunta de sociolingüística, valorada con 1 punto, e unha de literatura que será
cualificada cun máximo de 2 puntos.
Nas dúas preguntas breves de comprensión poderán presentárselles aos alumnos e alumnas cues-
tións relacionadas cun resumo breve do texto ou de parte del, estrutura do texto, ideas principais
e secundarias, intencionalidade do texto, opinión do autor sobre algún aspecto que se indique ou
significado concreto no texto dalgunha palabra ou expresión.
Na pregunta longa de expresión, en aproximadamente 200 ou 250 palabras, pedirase a elaboración
dunha exposición relacionada co texto proposto no exame. Valorarase o xuízo crítico sobre ideas que
conteña o texto, a capacidade de estruturación e exposición de ideas, ademais da expresión correcta.
As preguntas de gramática centraranse en conceptos relacionados coa fonética, fonoloxía, mor-
foloxía, sintaxe, semántica e léxico ou dialectoloxía. O apartado de dialectoloxía centrarase nas posi-
bilidades dialectais que podería ter unha forma presente no texto ou a distribución dialectal dunha
forma proposta no enunciado.
A pregunta de sociolingüística centrarase nalgunha das seguintes propostas:
1. As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa
repercusión nos usos.
2. Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións
da norma.
3. Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.
4. O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto
histórico e situación sociolingüística.
5. O galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e
situación sociolingüística.
6. O galego a finais do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico
e situación sociolingüística.
Malia a posibilidade de estenderse nestas preguntas, será necesario que a resposta se resuma,
aproximadamente nunhas 200 ou 250 palabras, tendo sempre en conta a valoración da pregunta e o
tempo programado para a elaboración do exame. É moi importante centrarse no contido da cuestión
e non parar en consideracións xerais.

3
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

Nas preguntas sobre sociolingüística e literatura ofrécense dúas posibilidades para que o alum-
nado escolla unha delas. Estas dúas posibilidades serán as mesmas nos dous modelos, para que non
condicionen a elección da proba.
Canto aos contidos de literatura, as preguntas que se proporán ao alumnado son as seguintes:

1.  A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras.


2.  A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas.
3.  A prosa no primeiro terzo do século XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e
xornalismo).
4.  O teatro no primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.
5.  A poesía entre 1936 e 1976: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas
Minervais.
6.  A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira
Vilas).
7.  A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras.
8.  O teatro galego entre 1936 e 1976: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.
9.  A literatura no exilio ente 1936 e1976: poesía, prosa e teatro.
10.  A poesía a fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias
actuais máis relevantes.
11.  A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias
actuais máis relevantes.
12.  O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, ten-
dencias e compañías actuais máis desenvolvidas ou máis esquemáticas.

Nesta pregunta o alumnado non se poderá limitar a ofrecer unha listaxe de autores e obras, senón
que deberá presentar unha explicación das características da escrita dos autores, das tendencias ou
das etapas. Verbo da extensión da proba, oscilará entre as 400 e 500 palabras dependendo do grao
de profundidade na exposición do tema.
Aplicarase unha penalización máxima sobre a proba de 2 puntos por erros ortográficos. Os erros
poderán ser:

1. Moi graves: aquelas solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala
colocación do pronome persoal átono…). Descontaranse 0,2 puntos.
2. Graves: solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y…). Acentuación diacrítica.
Descontaranse 0,1 puntos.
3. Leves: solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Penalizarase
con 0,05 puntos.

Esta valoración negativa non se aplicará sobre a pregunta 3, xa que na propia valoración da pre-
gunta irá incluído o desconto.

4
ANÁLISE DE TEXTOS

A ANÁLISE DE TEXTOS

Os aspectos relacionados coa comprensión e expresión na proba de Selectividade de Lingua galega


e literatura nas actuais probas de acceso á universidade adquiren moita máis relevancia ca no modelo
anterior. O actual modelo de exame outórgalle a este apartado 5 puntos distribuídos en 3 preguntas.
As dúas primeiras, breves, de compresión, e unha terceira de expresión. Neste apartado formúlanselles
aos alumnos e alumnas cuestións relacionadas coas ideas que o texto quere transmitir, o tema que
trata, o resumo do seu contido, a estrutura do texto e o título, intencionalidade, opinión do autor ou
autora sobre algún aspecto que se indique e o significado concreto dalgunha palabra ou expresión do
texto. Ademais dunha segunda cuestión, na que o alumnado debe demostrar a súa madurez intelectual
a través do xuízo crítico do texto ou dalgún aspecto destacado deste.
Deseguido procederemos a analizar todos os apartados que se tratan neste bloque, intentando
achegar as pautas necesarias para a resolución destas cuestións.

1. O esquema de ideas

Os textos artéllanse a partir dunha ou varias ideas salientables que son abordadas polo autor ou
autora e que este pretende facer chegar ao destinatario das súas palabras. Estas ideas poden ser,
segundo a súa importancia, principais ou secundarias, e formarán o esqueleto argumental do texto.
Un método que se pode seguir para descubrir as ideas do texto consiste en subliñalas e redactalas
na marxe. Unha vez localizadas cómpre establecer a súa xerarquización tendo en conta a súa impor-
tancia e tratamento no texto.
Para a súa correcta formulación debemos elaborar o esquema sen chaves, empregando un modelo
numerado ou ben con guións, que nos permita diferenciar claramente as ideas principais das secun-
darias. Non se pode cometer o erro de establecer moitas ideas con excesivas subdivisións. O esquema
de ideas ben elaborado debe permitirnos captar cunha soa ollada o fundamental que nos quere
transmitir o texto.
Concluíndo, o esquema de ideas debe partir dunha correcta selección e ordenación. Debe estar
redactado con frases curtas, claras e significativas, seguindo unha unidade de dirección e visualización.

EXEMPLO

Como na escola nos ensinaron a identificar unidade política europea con idioma nacional («para
España o español, para Italia o italiano, para Francia o francés, etc.»), o multilingüismo segue a ser
unha realidade pouco explorada, considerado como un problema que precisa solución en lugar
dunha riqueza da que gabarse. Pero o monolingüismo non é a realidade normal, nin sequera é unha
realidade desexable, inevitable ou suficiente. Fóra dese reducionismo escolar, na maioría das rexións
do mundo os individuos desenvolven as súas vidas mediante o uso de varias linguas.
As contas saen de xeito ben doado: temos unhas seis mil linguas e uns douscentos cincuenta
estados ou territorios independentes; xa que logo, as linguas teñen que solaparse, compartir
territorios e mesmo instalarse á vez nas mentes de individuos. E a repartición non é equitativa e
resiste a calquera análise simplificadora. De entrada hai linguas que gozan de excelente estado de
saúde. (…) No outro extremo, a maior parte das linguas da humanidade subsisten en precario:
sen posibilidade de acceder aos grandes modelos de prestixio simbólico, sen presenza efectiva

5
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

nos medios de comunicación, na ciencia ou na arte, as máis das veces mesmo sen existencia por
escrito. Como calquera outra repartición de riqueza, a das linguas é problemática pola parte que
a todos nos toca de culpabilidade no asunto.

Teresa Moure, 2003

O esquema de ideas do texto de Teresa Moure é o seguinte:

1. O multilingüismo é considerado como un problema.


1.1. A escola ensina a asociar estado a lingua.
1.2. Os estados monolingües son escasos.
2. A maior parte das linguas están en problemas.
3. Os causantes destes problemas son os propios falantes.

2. O resumo

Supón a selección do máis importante do texto, ou ben unha síntese do fundamental.


Para elaborar un resumo correcto dun texto debemos ter moi claro o seu significado preciso, o que
nos quere transmitir. Feito isto, debemos distinguir os puntos centrais e tratar de sinalar o esencial
do texto. Un bo resumo é aquel que presenta fielmente o contido do texto.
A redacción correcta do resumo implica que sexa breve, preciso e claro; debe estar elaborado coas
nosas propias palabras e recollendo o sentido esencial do texto.

EXEMPLO

Borraron os letreiros dos camiños E, agora, veleiquí a xenreira xusta


cos ben amados nomes das antergas vilas, dos mozos nobres e libertadores
dos silabarios das escolas algareiras tirando do pescozo da aforcada
borraron o cantar humilde e puro o brazo inxusto, o odio do canalla.
da lingua popular. Inda folguexas, noiva bela,
Sóio no escuro das lareiras inda tes verbas na túa gorxa magoada,
no apartado do silencio dos labregos labios, foguetes de carraxe pra cuspirlles
esquecida das espadas poderosas, ós donos madrileños do billete,
borboriñaba a nosa lingua triste. da espada e maila cruz.
Aferrollada fora como unha delincuente. Inda tes folgos, lingua enxebre,
As maos sen calos do traballo, nos teus labios de moza asoballada,
requintadas e doces, relixiosas, lingua dos meus limiaos, dos meus antergos,
enfeitadas co ouro dos aneis inda tes folgos para bica-los meus ensoños.
roubados á suor dos pobres Estás agora viva nos meus beizos fondos,
empurraran a lingua nobre e pura está agora viva nos meus dedos de home
a un cadafalso de vergoñas. e acariñando vou teu corpo rebricante
Meus pais, tamén, amados ignorantes que ten ás de bolboreta nas palabras.
obedeceron as ordes que o espadón
deborcara na poza de Galicia. Antón Tovar: Calados esconxuros

6
ANÁLISE DE TEXTOS

O poeta describe como a lingua galega foi eliminada dos espazos públicos e quedou relegada
ao ámbito familiar. Posteriormente indica que, malia estas aldraxes, foi quen de repoñerse e seguir
viva nos beizos das xentes.

3. O título

É unha palabra, frase ou cláusula que dá a coñecer a denominación dun libro, capítulo, artigo,
poema… A elección do título debe ter en conta as seguintes motivacións: anticipar os contidos do
texto, insinuar a idea central, dar relevo a un personaxe ou situación, ou intrigar o lector. Este apartado
é moi importante posto que vai condicionar que se continúe ou non coa lectura do texto, por iso hai
que tratar de ser orixinais na súa elaboración.
A redacción do título debe manter as seguintes características: ser breve (non debe pasar das oito
palabras), evitar o emprego de verbos (podemos usar puntos suspensivos ou unha frase nominal cun
verbo elidido) e estar relacionado co tema do texto.

EXEMPLO

Un título axeitado para o poema de Antón Tovar podería ser: «A miña lingua».

4. O tema

É unha frase que sintetiza e engloba todo o texto, ou sexa, a exposición breve da idea central. É a
cerna do fragmento, ou o que é o mesmo, a esencia do texto.
Dous trazos fundamentais do tema son a claridade e a brevidade. Para fixar o tema debemos atopar
a palabra abstracta que sintetiza a intención primeira do autor.
Cando redactamos o tema debemos evitar a enunciación de exemplos ou de elementos comple-
mentarios do texto. Así pois, o tema debe recoller o fundamental do texto.
Para elaborar o tema do texto debemos reducir á mínima expresión os elementos que resumen o
seu contido.
Unha pauta á hora de elaborar un tema pode ser sintetizar o propio resumo en seis ou sete palabras
seguindo a fórmula: «substantivo abstracto + complementos». Un bo tema debe ser conciso, claro e
concreto.

7
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

EXEMPLO

A guerra é a salvación da Humanidade, fusiles, pistolas, metralletas,


fai avantar a Ciencia, desenrola escuadras, canóns aéreos e antiaéreos,
ao pobo, crea industrias importantes bombas atómicas, de mao e de napalm
e potentes, fai florecer a Economía erguen unha música doce e harmoniosa
dun xeito case milagroso, asegura que a xente escoita compracida
a paz, é construtiva, sirve e enlevada. Todos van á morte
de inspiración aos cantos épicos, moi felices, os feridos teñen nos beizos
fabrica heroes inmortais e lexendarios. a flor dunha sorrisa. Non se derrama
Na guerra un pode demostrar o seu sangue, ¡ai, eso non! Os campos
valor e o seu valer, gañar ascensos, bombardeados e incendiados
acadar condecoracións moi prezadas, seméllanse aos xardíns e ás máxicas
brillantes e honrosísimas. En tempo fogueiras de San Xohan.
de guerra todo é progreso, ledicia Os homes esquécense de odiar
e máis fartura. Mísiles, tanques e aprenden a amarse de verdade.

Manuel María, 1972

O tema do poema de Manuel María é a visión irónica da guerra.

5. A estrutura do texto

Cando un escritor desenvolve un tema calquera debe presentalo a través dunha serie de ideas
pefectamente estruturadas. Segundo os tipos de textos podemos establecer tamén diferentes estru-
turas.
Normalmente os textos de tipo narrativo organízanse en tres apartados claramente definidos:

1. Introdución: preséntanse os personaxes, os espazos e o tempo, ademais de establecerse o con-


flito.
2. Desenvolvemento: desenvólvese o conflito entre os diferentes personaxes.
3. Desenlace: prodúcese a resolución definitiva do conflito.

No caso dos textos argumentativos ou expositivos, estes deben artellarse tendo en conta o desen-
volvemento que se produce do tema. Podemos atopar un texto en que o autor nos presente primeiro
a tese ou idea central, para a continuación, con exemplos ou testemuños autorizados, reafirmar a
idea formulada. Outra posibilidade é a contraria, primeiro presentar os exemplos ou argumentos de
autoridade para rematar coa formulación da tese.
En textos en que se desenvolven varias ideas pódese seguir calquera das dúas estruturas anteriores
ou ben as dúas combinadas.

8
ANÁLISE DE TEXTOS

EXEMPLO

É un erro grave, e dos máis prexudiciais, inculcar á muller que a súa misión única é a de
esposa e nai; equivale a lle dicir que non pode ser nada de seu, e aniquilar nela o seu eu moral e
intelectual (…).
O primeiro que necesita a muller é afirmar a súa personalidade, independente do seu estado,
e persuadirse de que, solteira, casada ou viúva, ten deberes que cumprir, dereitos que reclamar,
dignidade que non depende de ninguén, un traballo que realizar, e a idea de que é unha cousa
seria, grave, a vida, e que se toma como un xogo, ela será indefectiblemente xoguete. Dádeme unha
muller que teña estas condicións, e dareivos unha boa esposa e unha boa nai, que non o será sen
elas. Canta falta lle han facer, e ós seus fillos, de quedar viúva. E se permanece solteira, pode ser
moi útil, moito, á sociedade, moi necesitada de persoas que contribúan á conservación da especie.
A falta de personalidade na muller esteriliza grandes calidades de milleiros de solteiras ou viúvas;
e non é pouco o dano que da súa falta de acción benéfica resulta.

Concepción Arenal, 1884

Podemos estruturar o texto en tres partes perfectamente definidas tendo en conta o seu contido:
1. Presentación da idea ou tese (liñas 1 a 3): é un erro inculcar á muller a misión única de esposa
e nai.
2. Argumentación da idea ou tese (liñas 4 a 10): afirmación da súa personalidade, debe ter
dereitos e deberes.
3. Conclusión (liñas 11 e 12): a falta de personalidade anula o desenvolvemento de viúvas e sol-
teiras.

6. O comentario crítico

Consiste en elaborar unha exposición na que debemos asentir, disentir ou matizar o contido do
fragmento proposto. Débese analizar o grao de precisión do autor no tratamento do tema que se ana-
liza e finalmente o grao de obxectividade ou subxectividade no tratamento que se fai no tema exposto.
O comentario crítico non debe ser nunca unha paráfrase, non debe tampouco empregar o texto
como pretexto para a análise nin ser un simple inventario das ideas que se presentan nel. É moi
importante non ser polémicos nin agresivos na crítica do texto e si ser argumentativos no momento
da facer o comentario.
Esta análise crítica do texto debe redactarse coherentemente, cunha expresión fluída e ben estru-
turada evitando a reiteración de ideas e a non estruturación do texto. Debe buscarse un estilo coidado
na expresión e abordar de forma persoal a crítica da idea ou ideas que trata de transmitir o autor.

EXEMPLO
Expón a túa opinión persoal sobre as vantaxes e inconvenientes do multilingüismo baseándote
na cita: «o multilingüismo segue a ser unha realidade pouco explorada, considerado como un problema
que precisa solución en lugar dunha riqueza da que gabarse», extraída do exemplo da páx. 5, liñas 2
a 4, Teresa Moure, 2003.

9
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

Contrariamente ao que a xente adoita pensar, son moi poucos os países en que só se fala unha
lingua. O que acontece é todo o contrario, isto é, a existencia de máis dunha lingua nun mesmo
territorio lingüístico. Esta percepción errónea da realidade lingüística do mundo leva a considerar
que o monolingüismo é o estadio natural dos estados. A partir deste concepto equivocado establé-
cese a percepción de que o multilingüismo é un problema, cando é todo o contrario. O dominio
de varias linguas vainos permitir un abano de relación moito máis amplo e completo ca o dominio
dunha única lingua. E ademais non se pode esquecer que todo individuo que forma parte dunha
sociedade multilingüe vai desenvolver unha capacidade maior para a aprendizaxe dunha nova lingua.
As persoas partidarias dos estados ou sociedades monolingües adoitan basear as súas afirmacións
en cuestións como as interferencias que se van producir entre as dúas linguas ou a mala aprendizaxe
que se produce das dúas linguas. Isto non é correcto, só se produce unha mala aprendizaxe das
linguas naquelas sociedades nas que o equilibrio entre as dúas linguas non se produce. Se hai unha
lingua que se atopa en situación de lingua favorecida e a outra en situación de lingua desfavorecida,
ou o que é o mesmo, en situacións de conflito lingüístico.
Nas sociedades actuais, as persoas que dominan máis dunha lingua teñen moitas máis posibilida-
des de triunfar no mundo laboral que as que se limitan a unha única lingua, porque as sociedades,
lonxe de camiñar cara a unha lingua universal, fano cara á diversidade lingüística. Polo tanto, o
multilingüismo é unha realidade que non pode ser obviada, senón que debe ser asumida como un
privilexio de moitos estados actuais.

10
ANÁLISE DE TEXTOS

IDEAS PARA O ARGUMENTARIO DE COMENTARIO DE TEXTO

Neste apartado incluímos seis temas que se poden tratar no comentario crítico da Probas de Selec-
tividade, así como os argumentos que propoñemos utilizar para a súa redacción. Recoméndase que
a partir destes argumentos se trate de elaborar a actividade como práctica para a resolución deste
apartado tan importante das probas. Non se pode esquecer que un 30% da nota final vai saír desta
cuestión, e polo tanto a súa relevancia está clara, por iso ofrecemos este apartado que complementa
o relacionado co resto dos aspectos que teñen que ver coa análise do texto.

Tema 1: A emigración galega no mundo


1. Os diferentes destinos da emigración galega segundo as datas: no século XIX a América, nos
séculos XX e XXI a América e a Europa.
2. Vínculos de unión que manteñen as comunidades galegas con Galicia a través dos Centros
Galegos.
3. Igual que outras comunidades de emigrantes, tratan de manter a súa identidade a través da
cultura e da lingua.
4. A importancia da emigración galega a América: Cuba, Bos Aires, Montevideo…
5. A emigración galega a Europa despois de rematada a II Guerra Mundial, sobre todo a Francia
e Alemaña, e participación no desenvolvemento económico deses países.
6. A ruptura familiar que supón a emigración: os nenos quedan a cargo dos seus avós e os seus
pais marchan traballar a Europa ou a América.
7. A boa aceptación que teñen os emigrantes galegos polo mundo en contraste con outras
comunidades de emigrantes.
8. A emigración de galegos con formación académica na actualidade fronte á emigración menos
cualificada do século XIX e tamén do XX.

Tema 2: A discriminación da muller no deporte


1. O trato desigual que se lles dá aos éxitos do deporte feminino e aos do masculino: recoñece-
mento público, primas, repercusión na competición nacional.
2. A escasa presenza de patrocinadores no deporte feminino.
3. A falta de público e o menosprezo do deporte feminino.
4. As dificultades que teñen as deportistas para chegar á elite.
5. Cobertura que lle dan os medios ao deporte feminino.

11
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

Tema 3: A anorexia
1. A potenciación da delgadeza extrema por parte do mercado: a imaxe que transmiten as
modelos, os talles que impoñen as marcas téxtiles.
2. Como a presión social desemboca na anorexia: o éxito profesional asociado a unha imaxe, a
non aceptación do corpo por medo ás burlas e a que os demais nos rexeiten.
3. Como lle afecta á persoa dende o punto de vista psicolóxico e físico: a non aceptación da
extrema delgadeza malia estar extremadamente delgados ou delgadas; a deterioración física
que pode desembocar na morte; a non aceptación do problema por parte das vítimas e das
familias; o tratamento que a sociedade lle dá á enfermidade.

Tema 4: A emigración ilegal


1. Causas polas que se produce.
2. Medidas que se deben tomar nos países de orixe para evitar que teñan que saír e, no caso de
facelo, que sexa nunhas condicións distintas ás actuais.
3. Medidas que se deben tomar nos países de recepción.
4. Medidas contra as mafias que negocian cos emigrantes, tanto nos países de orixe coma nos
receptores.

Tema 5: A liberdade de expresión


1. A lexislación dos países debe ser permisiva poñendo por diante a liberdade de expresión ou
debe existir algún tipo de regulamentación?
2. Cales son os límites que se lle deben poñer á liberdade de expresión?
3. Deben os medios de comunicación, os políticos, a xente con certo peso na sociedade, empregar
a liberdade de expresión no seu beneficio?

Tema 6: A importancia das redes sociais na sociedade


1. Finalidade das redes sociais.
2. Como cambian as redes sociais a forma de relación na sociedade.
3. Aspectos positivos e negativos das redes sociais.
4. Compatibilidade das redes sociais coas relacións sociais convencionais.

12
PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015
PROPOSTA DE RESPOSTA ÁS PREGUNTAS DE SOCIOLINGÜÍSTICA

PROPOSTA DE RESPOSTA ÁS PREGUNTAS DE SOCIOLINGÜÍSTICA

1. As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa


repercusión nos usos.

A situación lingüística galega é complexa, trátase dunha comunidade na que conviven dúas lin-
guas en situación desigual: o galego, lingua minorizada que a partir da década dos oitenta inicia un
proceso de recuperación de ámbitos de uso e que acada o status de lingua oficial e, por outra banda,
o castelán: lingua de prestixio, a lingua que foi durante moitos anos a exclusiva da administración,
da Igrexa e dos medios de comunicación, ou o que é o mesmo, a variante lingüística dos usos formais.
O conflito prodúcese no momento en que os galegofalantes inician o proceso de normalización
dos seus usos e o castelán comeza a ver ameazados os seus ámbitos de uso. Se o proceso de nor-
malización chega á súa fin, e o galego se converte en lingua de uso en todos os ámbitos sociais, o
castelán perdería o seu status de lingua formal e quedaría relegada a lingua de relación cos falantes
ou entidades do resto do Estado. Así pois, nas comunidades con lingua propia diferente do caste-
lán esta última acadaría o status de lingua franca. Estariamos, pois, diante do proceso lingüístico
coñecido como inmersión lingüística.
En Galicia a lingua galega está moi marcada pola existencia de estereotipos e prexuízos lingüís-
ticos que pretenden transmitir a idea de que o galego non é válido para os usos formais. É o caso de
prexuízos tales como: «o galego é unha lingua propia do rural», «é unha lingua que non serve para
as ciencias», «non serve fóra de Galicia», «é unha lingua inventada que non se corresponde coa fala»
ou «é a lingua dos nacionalistas».
En caso de non completarse a normalización lingüística, o galego corre o risco de converterse en
lingua ritual e non en lingua viva de uso cotián.

2. Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións


da norma.

Dende o século XIX son moitas as voces que falan da necesidade dunha norma para o galego
e van dar os primeiros pasos para a súa consecución coa publicación das primeiras gramáticas e
dicionarios. Pero non vai ser ata os comezos do século seguinte cando se presente a primeira proposta
normativa para o galego.
Neste proceso de elaboración do estándar o galego pasa por tres etapas: a popularizante, a dife-
rencialista e a normativa. A primeira correspóndese co rexurdimento literario e caracterízase por
ter como referente a lingua oral e a adopción da ortografía do castelán. A nivel léxico este galego
estaba inzado de dialectalismos, vulgarismos e castelanismos.
Nos comezos do século XX vaise producir a primeira proposta de normativa promovida polo
Seminario de Estudos Galegos (Normas pra unificazón do idioma galego). O criterio que segue a
normativa nesta etapa vai ser o afastamento do castelán, así eliminan os castelanismos pero acaban
caendo en hipergaleguismos, arcaísmos e lusismos.
Non vai ser ata a década dos 70 cando a RAG elabore as Normas ortográficas e morfolóxicas
do idioma galego, proposta normativa declarada oficial pola Xunta de Galicia en 1982. Esta norma
segue cinco principios: achegamento á lingua falada, desbotando castelanismos; procura dunha
variedade supradialectal; preferencia polas formas tradicionais e aceptación de solucións consa-
gradas polo uso literario; harmonía co resto das linguas romances.

15
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

Unha vez oficializada a normativa da RAG producíronse reaccións en contra por parte dos
defensores dun maior achegamento ao portugués (reintegracionistas). Esta confrontación tratou de
solucionala a Asociación Sociopedagóxica Galega cunha proposta de mínimos que non tivo éxito.
O enfrontamento tivo a súa solución coa modificación das normas realizada no ano 2003.

3. Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.

Cando nun territorio conviven dúas linguas unha delas é a que se emprega para os usos formais
e goza do prestixio social (dominante), e a outra emprégase nos usos non formais e atópase nunha
situación de desprestixio social (dominada ou minorizada). Esta situación non ten nada que ver
con que se trate da lingua que teña o maior número de falantes (lingua maioritaria) ou o menor
(lingua minoritaria). Esta situación reprodúcese na maior parte dos países do mundo posto que son
poucos os estados monolingües. En Europa son moitas as linguas que comparten territorio con lin-
guas dominantes, é o caso das Illas Británicas ou de España, onde a lingua oficial comparte espazo
con linguas propias de parte do territorio. A situación destas linguas non é semellante á que viven
as linguas en Francia (sardo, bretón, provenzal, éuscaro…), linguas que non teñen ningún tipo de
recoñecemento oficial. Mesmo linguas como o alemán son maioritarias en Alemaña ou Austria pero
minorizadas en Polonia.
No caso do galego, dende a chegada da democracia, coa aprobación da Constitución, do Esta-
tuto de Autonomía e da Lei de normalización lingüística, iniciouse un proceso de normalización da
lingua que está moi lonxe de acadar o seu obxectivo. O galego é a lingua da administración, lingua
de aprendizaxe e mesmo vehicular no ensino, dos medios de comunicación públicos dependentes da
comunidade autónoma. Malia todo o proceso normalizador e tras acadar novos ámbitos de uso, a
situación non é a máis favorable. O galego ten pouca presenza nos medios de comunicación privados,
na industria e, sobre todo, hai unha ruptura xeracional na transmisión do idioma que provoca que
entre os máis novos o uso do galego sexa escaso.

4. O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto


histórico e situación sociolingüística.

A comezos do século a situación da lingua sofre notables cambios coa fundación de entidades
importantes para a lingua: Real Academia Galega (1905), Irmandades da Fala (1916) e Seminario
de Estudos Galegos, a creación de Céltiga e Lar, e a fundación do Partido Galeguista.
Durante este período continúan as iniciativas encamiñadas á elaboración dunha gramática. As
primeiras propostas serán das Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos (Vocabulario
castellano-gallego, Algunhas normas pra unificazón do idioma galego e posteriormente a Engádega
a algunhas normas pra unificazón do idioma galego). As normas do Seminario propoñen o rexei-
tamento o i grego (y) e o uso exclusivo do i latino, a adopción dos grafemas ll e ñ para representar
os fonemas lateral e nasal palatal, a elección do x para o fonema fricativo palatal, o emprego do h
segundo a etimoloxía, o mantemento dos grupos consonánticos cultos, o abandono do apóstrofo
e a redución do guión e o plural en -s para as palabras polisílabas agudas rematadas en -l. Estas
normas foron rapidamente aplicadas polo xornal A Nosa Terra. Antes da publicación destas normas
apareceron dúas gramáticas, o Compendio de gramática galega de Carré Alvarellos e a Gramática
do idioma galego de Lugrís Freire.

16
PROPOSTA DE RESPOSTA ÁS PREGUNTAS DE SOCIOLINGÜÍSTICA

O alzamento militar de 1936 supuxo unha ruptura co rexurdir da cultura e da lingua galegas que
intentaran levar adiante Castelao, Pedrayo, Risco, Bóveda e moitos outros que morreron ou se viron
obrigados a exiliarse ou calar a súa voz pola defensa da lingua e da cultura galega.

5. O galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situa-


ción sociolingüística.

No ano 1936 prodúcese o alzamento militar e o freo á normalización no uso do galego nos
ámbitos público e literario co traballo das Irmandades da Fala, do Grupo Nós, Seminario de Estudos
Galegos…, non sendo ata a década dos 50 cando se inicia un proceso lento de recuperación de ámbi-
tos de uso e de prestixio para a lingua. A inciativa máis sobranceira vai ser a fundación da Editorial
Galaxia. Esta editorial recupera autores xa consagrados e dá a coñecer novos autores na colección
Illa Nova, labor que se complementa coa edición da revista cultural Grial. A reaparición de obras
editadas en galego condiciona a necesidade dunha norma e Galaxia imporá unha tendencia mar-
cada pola simplificación do galego escrito, eliminando os apóstrofos e simplificando os guións e os
diferentes tipos de acento. Tamén se impón a necesidade de eliminar arcaísmos e hiperenxebrismos
e a adaptación da lingua ao ámbito urbano.
A xeración de posguerra dá ao prelo obras significativas como: Historia da Literatura Galega
Contemporánea, Gramática elemental del gallego común, de Carballo Calero; o Diccionario enci-
clopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez e o Diccionario galego-castelán de Xosé Luís
Franco Grande. A Gramática de Calero recolle o traballo feito por Saco e Arce e mellórao grazas á
súa formación lingüística. Os dicionarios seguen carecendo do rigor científico dos do século anterior.
A década dos sesenta supón a revitalización da actividade cultural. Aparecen asociacións cul-
turais en toda Galiza (O Galo —Santiago—, O Facho —A Coruña—, Auriense —Ourense—). Do mesmo
xeito, comezan a xurdir organizacións políticas clandestinas —Partido Socialista Galego, Unión do
Povo Galego—, que empregan o galego como lingua en panfletos, manifestacións...
A fins da década dos setenta o galego entra nunha nova etapa ao gozar de recoñecemento legal
a través da Constitución española e, na década seguinte, do Estatuto de Autonomía.

6. O galego a finais do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e


situación sociolingüística.

A partir do ano 1978, coa aprobación da Constitución española, o galego acada a cooficialidade
co castelán e a protección por parte do Estado. En 1981, coa aprobación do Estatuto de Autonomía de
Galicia, os dereitos recollidos na Constitución convértense xa nunha realidade. O Estatuto establece
que o galego é a lingua propia de Galicia e recolle a obriga dos poderes públicos do cumprimento da
cooficialidade, da promoción do galego e a non discriminación por cuestións lingüísticas.
No ano 1983, o Parlamento de Galicia desenvolve a lei que regula o proceso de nomalización lin-
güística do noso idioma, é a Lei de normalización lingüística. Esta lei establece o dereito dos cidadáns
ao uso do galego coa administración pública, que a única toponimia oficial é a galega e regula o nace-
mento de medios de comunicación públicos en galego. O galego é a lingua oficial nas administracións
autonómica, local e nas entidades públicas dependentes da Comunidade Autónoma (Parlamento),
así como a promoción do uso da lingua tanto oral como por escrito nas relacións da administración
cos administrados. Tamén se regula a introdución do galego no ensino e a igualdade co castelán.

17
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

Esta nova situación para o galego non consegue frear a perda constante de falantes que se
pasan ao castelán. O galego segue a ser a lingua maioritaria en Galicia entre a poboación máis
vella, mentres o seu número de falantes se reduce canto máis novos son. Pola contra, a competen-
cia lingüística en galego, dende a súa introdución no ensino, é moito maior. Pódese afirmar que en
Galicia os falantes teñen moita maior competencia lingüística en galego pero non se corresponde
co aumento no número de falantes. O máis preocupante é a ruptura xeracional que se produce entre
os falantes, moitos rapaces non reciben a lingua a través da familia, senón que a adquiren na escola
coma se fose unha lingua allea.

18
PROPOSTA DE RESPOSTA ÁS PREGUNTAS DE LITERATURA

PROPOSTA DE RESPOSTA ÁS PREGUNTAS DE LITERATURA

1. A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras.

No ano 1916 iníciase un novo movemento político-cultural que recibe o nome de Irmandades
da Fala. Un dos seus obxectivos fundacionais era a defensa e a difusión do galego a través da prác-
tica. As achegas das Irmandades no ámbito literario son a renovación estética, formal e temática,
a promoción do cultivo do galego a través de concursos, revistas e xornais, a ampliación do número
de lectores, o espallamento da lingua a novos xéneros (teatral, novelístico e ensaístico), a tradución
de obras europeas (Otero Pedrayo traduce o Ulises de Joyce), a creación de editoriais (Céltiga e Lar),
a promoción do teatro galego (crean o Conservatorio Nazonal de Arte Galego e a Escola Dramática
Galega) e do traballo de coros populares.
No xénero poético destacan os poetas Noriega Varela e Ramón Cabanillas. O poeta mindoniense
representa a transición do século XIX ao XX. Toda a súa obra poética recóllese nun único poemario
titulado Do ermo, que nas dúas primeiras edicións aparece baixo a denominación de Montañesas. As
composicións deste poemario estrutúranse en poemas costumistas que representan a continuidade
co século anterior e recollen a dura vida dos labregos en contraposición á súa alegría nas festas e
tradicións; o resto dos poemas presenta unha natureza inanimada na que cobran especial relevo as
cousas pequenas. Esta segunda liña temática está moi influída por poetas como Teixeira de Pascoaes
e caracterízase pola musicalidade e a linguaxe culta, a diferenza da primeira, que se caracterizaba
pola reprodución da fala dos brañegos.
A ruptura coa continuidade está representada pola produción poética do poeta cambadés Ramón
Cabanillas. A súa obra poética, marcada pola presenza do modernismo e da influencia de poetas
como Rosalía ou Curros, divídese en poesía lírica e poesía narrativa. Integran a primeira liña poética
composicións como No desterro, Vento mareiro, Da terra asoballada, publicadas antes da guerra, e
Da miña zanfona, Samos e Versos de alleas terras e tempos idos (traducións de autores clásicos e
modernos), despois da guerra. Os poemarios da primeira época seguen tres liñas temáticas claramen-
te definidas: a intimista (de influencia rosaliana), a cívica (na liña de Curros, e moi vinculada á súa
etapa agrarista) e a costumista (Cabanillas introduce trazos innovadores de influencia modernista
a esta liña da poesía do século XIX).
Conforman a súa poesía narrativa dúas composicións, O bendito San Amaro e Na noite estre-
lecida. A primeira recolle a vida deste santo galego. No caso da segunda, realiza unha revisión da
materia de Bretaña medieval, galeguizándoa e inseríndoa na cultura galega. A obra estrutúrase en
tres sagas («A espada Escalibor», «O cabaleiro do santo Grial» e «O soño do rei Artur») escritas en
versos alexandrinos mesturados con romances e sextinas.

2. A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas.

O nacemento do século XX supón para Galicia un cambio importante no eido literario. Prodúcese
un movemento xeneralizado de modernización da nosa literatura a todos os niveis. A poesía non foi
allea a este proceso. Así, a comezos do século prodúcense no ámbito poético, coa coñecida xeración
do 25, os primeiros intentos de achegamento aos movementos de vangarda europeos e a superación
da poesía feita no Rexurdimento. É o momento de publicación de revistas (Yunque, Alfar...), nas que
se presentan as ideas vangardistas, e de obras de clara influencia surrealista ou creacionista. Tamén
sae do prelo o primeiro manifesto poético galego, o manifesto Máis alá!

19
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

O movemento vangardista galego non é tan rupturista como o europeo xa que a realidade do
galeguismo non aconsellaba tal posicionamento. Dentro do movemento vangardista galego pode-
mos distinguir varias tendencias ou correntes. A vangarda plena, representada polo creacionismo
de Manuel Antonio –sería a verdadeira vangarda galega–, o ultraísmo de Euxenio Montes e o
surrealismo de Cunqueiro; a vangarda matizada, representada polo movemento hilozoísta de Amado
Carballo; e a vangarda creacionista, representada polo neotrobadorismo de Bouza Brey e Cunqueiro.
A popularización dos cancioneiros medievais supuxo para as novas voces poéticas o achega-
mento á nosa lírica medieval. Os poetas recuperan características da poesía medieval e trasládana
a poemas actuais. É o caso de Bouza Brey e do seu poemario Nao senlleira. Outro xeito de adoptar
a lírica medieval é a recreación do medievo en poemas que reproducen as formas e os estilos destas
composicións. Segue esta tendencia Álvaro Cunqueiro con obras como Cantiga nova que se chama
ribeira ou Dona do corpo delgado.
A presenza da natureza e a sensualidade vai ser unha das constantes do hilozoísmo. Este ismo
ten o seu máximo representante no poeta pontevedrés Amado Carballo. En Proel e O galo atopamos
a sucesión de imaxes como cerna do poema, a natureza humanizada e a presenza de rimas e metros
tradicionais.
O movemento máis rupturista nos ismos galegos foi o creacionismo. Este movemento ten como
único representante a Manuel Antonio. O poemario máis importante dentro da súa produción é De
catro a catro. O poeta de Rianxo introduce na poesía galega léxico mariñeiro que ata ese momento
estivera á marxe da lírica, constrúe os seus poemas a partir da sucesión de imaxes e converte o mar
no seu mundo poético, un mar estático e poetizado a través da súa imaxe interior. Malia ser o poeta
máis rupturista, a súa poesía está chea de sentimentos e non chega a conseguir que os seus poemas
sexan realidades completamente autónomas, tal e como se recolle nos principios do vangardismo
europeo.
O derradeiro movemento europeo que ten a súa pegada no vangardismo galego é o surrealismo,
da man do poeta mindoniense Álvaro Cunqueiro. No seu Poemas do si e do non reproduce inocen-
temente o automatismo deste movemento.
Non se pode pechar o vangardismo sen facer mención ao poeta lugués Luís Pimentel, quen a
través do seu mundo poético interior trata o tema da morte coa sensibilidade especial de quen se
enfronta con ela acotío. Os seus poemas aparecen recollidos no poemario Sombra do aire na herba.

3. A prosa no primeiro terzo do século XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xor-
nalismo).

Durante o primeiro terzo do século XX prodúcese un intento importante de consolidación da


prosa galega para acadar uns niveis de normalización semellantes aos da poesía no século anterior.
Neste proceso de modernización e normalización van intervir as Irmandades da Fala, O Seminario
de Estudos Galegos e o Grupo Nós. Van poñer en marcha editoriais e coleccións de novela (Nós, Lar,
Céltiga) para levar a boa fin este proceso. Os homes da xeración Nós consolidaron a prosa literaria
galega diversificando os temas e introducindo as técnicas da narrativa europea. Na prosa científica
axeitan o idioma a este xénero. Autores destacados deste período van ser os membros do Grupo Nós
(Otero Pedrayo e Vicente Risco), Castelao e Dieste.
Un dos narradores máis prolíficos deste período será Otero Pedrayo. A súa obra narrativa agrúpase
tematicamente en dous núcleos: as obras de temática galega e as de temática non galega. Neste
segundo grupo atópase Fra Vernero, que narra a vida dun personaxe histórico, Zacarías Werner. A súa

20
PROPOSTA DE RESPOSTA ÁS PREGUNTAS DE LITERATURA

produción de temática galega estrutúrase en narracións realistas, que ofrecen unha visión obxectiva
da sociedade galega do século XIX (Pantelas, home libre; Contos do camiño e da rúa; O mesón dos
ermos), e en novelas culturalistas, nas que expón as súas ideas e a súa ampla erudición (Escrito na
néboa; A romaría de Xelmírez; Devalar; Os camiños da vida; Arredor de si).
A súa obra complétase cos ensaios centrados no seu labor de xeógrafo e historiador, situados na
realidade galega. Destacan: Ensaio histórico sobre a cultura galega; O libro dos amigos; Historia
de Galicia...
O outro integrante do Grupo Nós, Vicente Risco, fai do didactismo o eixe fundamental da súa
produción. Inicia a súa produción coa publicación de Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros,
narración que nos leva ao mundo de ultratumba da man do protagonista e da momia de Tutanka-
mon. Outras obran son O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán, relacionadas
directamente coas lendas tradicionais galegas do lobishome e dos mouros, respectivamente. En Nós
aparecen algúns fragmentos d’Os europeos en Abrantes, crítica á sociedade ourensá do momento
que nunca chegou a rematar.
A súa obra narrativa máis sobranceira, O porco de pé, é unha sátira do ascenso da burguesía
foránea en Galicia a través da figura de Don Celidonio. Nesta peza recolle a vitoria da mediocridade
sobre a cultura, o triunfo do materialismo sobre o intelecto a través de dúas figuras antagónicas:
don Celidonio e o doutor Alveiros. A ironía e o sarcasmo son a característica fundamental desta obra
que recolle unha visión crítica e pesimista da sociedade.
Na súa produción ensaística destacan Teoría do Nazonalismo Galego, Mitteleuropa e Leria. O
primeiro título supón o manual de desenvolvemento do nacionalismo na época das Irmandades da
Fala e do Partido Galeguista, o segundo nace da súa estadía en Alemaña e o último é unha selección
de traballos escritos entre 1920 e 1955.
Á marxe do grupo ourensán cómpre destacar dous autores fundamentais deste período: Castelao e
Dieste. Sen esquecer a achega á narrativa deste período de autores como Amado Carballo (Os pobres
de Deus) ou narradores das Irmandades como López Abente (O deputado por Beiramar ou Buserana),
Carré Alvarellos (Naiciña, O home que deu vida a un morto) e Lesta Meis, un dos máis destacados
narradores das Irmandades da Fala (Manecho da Rúa, Estevo e Abellas de ouro).
O polifacético Castelao deixa unha importante achega ao ámbito da prosa deste período a través
dunha obra de trama sinxela, trazo esquemático e moi centrada no pobo, nun pobo tratado con
respecto e agarimo, baixo a pegada humorísita. A súa produción narrativa iníciase coas memorias
dun esquelete, publicadas co título de Un ollo de vidro. Empregando a técnica do relato atopado
por un enterrador no cemiterio, describe, a través dos personaxes de ultratumba, a sociedade galega
do seu tempo.
A achega máis orixinal do rianxeiro vai ser Cousas, historias da xente do común nas que a imaxe
e o texto están interrelacionados. Os lectores non sabemos se o texto complementa a imaxe ou vice-
versa. A súa achega á narrativa curta complétana os cinco relatos de Retrincos. Como ben recolle
o título trátase de cinco momentos da vida do seu autor: na América da súa infancia («O inglés» e
«O segredo») e os da Galicia da súa mocidade e madurez («Peito de Lobo», «O retrato» e «Sabela»).
A súa produción complétase coa única novela longa que escribiu, Os dous de sempre, a historia de
Pedriño e Rañolas, as dúas personalidades do ser humano, a pasividade que demostra Pedriño, fronte
á actividade e o espírito aventureiro e incorformista que representa Rañolas. A novela relátanos as
vidas paralelas dos seus dous protagonistas cunha sucesión de pequenos cadros que conforman as
súas vidas.
A achega de Castelao ao xénero ensaístico hai que procurala no seu ensaio político Sempre en
Galiza e nos seus traballos sobre As cruces de pedra na Galiza e As cruces de pedra na Bretaña.

21
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

Finalmente, cómpre mencionar a achega do tamén rianxeiro Rafael Dieste. O autor de Dos arqui-
vos dos trasno recolle moitas influencias de Castelao nos seus relatos. O esquematismo, o agarimo
polas xestes do común, ao que lle suma a técnica do encaixe, a relevancia do remate dos relatos, a
presenza do imaxinario e a súa explicación racional, os ambientes populares...
Todos estes autores representan a normalización da prosa galega e a súa aproximación á narrati-
va do momento en Europa, ademais de crear un rexistro culto para a prosa científica de que carecía
o galego ata aquel momento.

4. O teatro no primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.

Dos tres xéneros vai ser o teatro o que inicie máis lentamente o seu proceso de normalización. A
causa cómpre buscala no desfase que existe entre a publicación dos textos e a representación, a falta
dun público e dunha programación estable que permitise a consolidación de compañías profesionais.
As primeiras manifestacións teatrais deste período conforman o que coñecemos como o Teatro
Rexionalista, continuidade da escasa produción do século anterior. Son pezas de exaltación do
«rexional», a través do drama rural e o nacemento do drama histórico. Feito significativo deste
período vai ser a fundación da Escola Rexional de Declamación. Ao seu abeiro van publicar as súas
obras Lugrís Freire (A ponte, Minia e Mareiras) e San Luís Romero (O fidalgo).
Pero van ser as Irmandades da Fala as que leven adiante un verdadeiro proxecto de teatro nacio-
nal e popular en Galicia coa axuda dos homes do Grupo Nós e dos novísimos, autores próximos ao
vangardismo. A iniciativa sobranceira neste proxecto vai ser a creación do Conservatorio de Arte
Nacional Galega. Os homes das Irmandades propoñían a creación de obras en ambientes de clase alta
e media, fuxindo do ruralismo, e un teatro de calidade na liña dos europeos e hispanoamericanos.
O Conservatorio inicia a súa andaina coa obra de Cabanillas, A man de Santiña (comedia con final
feliz na que o inicio é un enredo amoroso). Ademais, o cambadés é autor conxuntamente con Villar
Ponte de O Mariscal, drama histórico que representa a traizón que sufriu o mariscal Pedro Pardo de
Cela e do seu axustizamento por orde dos Reis Católicos. Villar Ponte é autor de Os evanxeos da risa
absoluta, obra moi na liña do teatro irlandés e dos esperpentos valleinclanescos.
Os membros do Grupo Nós non destacan polo número de obras pero si polo seu labor de reno-
vación do teatro galego na liña iniciada polas Irmandades da Fala. As obras máis significativas dos
membros do grupo son: O bufón de El-Rei (Vicente Risco), obra de carácter simbólico que asocia a
deformidade física coa moral; A lagarada (Otero Pedrayo), drama de gran complexidade escénica
relacionado cos traballos do viño, e Os vellos non deben de namorarse (Castelao), obra máis impor-
tante deste período, que destaca pola súa simetría tanto nos personaxes como nos feitos acontecidos.
Os autores máis novos conformarán a Xeración do 22 que incluirá un grupo de mozos moi próxi-
mos ao vangardismo. Como os poetas, non buscan unha ruptura total co teatro da época, senón que
fan unha renovación menos rupturista ca a do teatro europeo.
O autor máis destacado deste grupo é o Rafael Dieste, autor de A fiestra baldeira, texto significa-
tivo da dramaturxia galega xunto co de Castelao. Comedia de final feliz estruturada en tres lances e
cargada de moito simbolismo. A historia xira arredor da dialéctica que se produce entre a renuncia
ou non ás orixes humildes. Unha das características fundamentais da obra é o rexistro lingüístico
que reproduce a fala do seu Rianxo natal.

22
PROPOSTA DE RESPOSTA ÁS PREGUNTAS DE LITERATURA

5. A poesía entre 1936 e 1976: A Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas
Minervais.

Na segunda metade dos anos 40 prodúcese o rexurdir da poesía galega no interior, aparecen as
primeiras revistas poéticas bilingües (Alba, Posío) e coleccións poéticas (Benito Soto, coordinada
por Celso Emilio Ferreiro, e mais Xistral).
A primeira obra é Cómaros verdes de Aquilino Iglesia Alvariño, poemario que recupera o ismo
neotrobadorista. Nesta década publícanse poemarios que continúan as liñas poéticas de principios
de século (neotrobadorista, hilozoísta, popularista e ruralista) nas obras dos irmáns Álvarez Bláquez
(Poemas de ti e de min) ou de Casado Nieto.
A década dos 50 ábrese coa publicación de Triscos (Luís Pimentel), opúsculo que condicionará a
renovación da poesía de posguerra. Seguen a liña de Pimentel: Eduardo Moreiras (A realidade esen-
cial), Luz Pozo (O paxaro na boca) ou Pura Vázquez (Íntimas, Maturidade). Tamén en 1950 se publica
Muiñeiro de brétemas, primeiro poemario de Manuel María, obra que abre paso a un novo camiño,
a liña intimista da Escola da Tebra. Manuel María pechará a década con Documentos persoais, obra
que inicia unha nova etapa na súa produción, o socialrealismo.
A década dos 50 supón a aparición da Escola da Tebra, caracterizada polo ton anguriante, aba-
fante e profundo, condicionado polo auxe do existencialismo e a filosofía da saudade. Ábrese coa
obra de Cuña Novás, Fabulario novo, peza que proxecta un mundo desacougante, cheo de escuridade,
que acaba abafando ao eu poético. Vai ter unha presenza moi marcada no grupo poético Brais Pin-
to, movemento formado por estudantes galegos en Madrid (Fernández Ferreiro, Bernardino Graña,
Ramón Lorenzo e Méndez Ferrín).
Á marxe deste movemento aparece o poeta lugués Uxío Novoneyra, co seu poemario Os eidos,
unha nova reinterpretación da comuñón do poeta coa paisaxe, neste caso a Serra do Courel.
Na década dos 60 Xosé María Díaz Castro publica Nimbos, obra de ton clasicista que introduce a
temática relixiosa. Continúa coa liña existencial, a preocupación polo paso do tempo e a presenza
da morte. A liña intimista segue estando presente da man de Antón Tovar na súa obra Arredores.
Nesta década publícase a obra máis relevante da posguerra, o poemario de Celso Emilio Ferreiro
Longa noite de pedra. Un canto á liberdade, ao antimilitarismo, contra a opresión e as inxustizas que
se producen na sociedade galega e na mundial. Recupera para o poeta o papel de guía e de voceiro
dos problemas do home, como propoñía Curros Enríquez. Esta obra vai ter repercusións nos poetas
posteriores e mesmo chegan aos nosos días. Seguen esta liña Bernardino Graña (Profecía do mar),
García Bodaño (Ao pé de cada hora) e López Casanova (Palabra de Honor).
Na década dos 70 aparece unha nova fornada de poetas que rompen co socialrealismo, Darío
Xohán Cabana (Romanceiro da Terra Chá, Elexía nunha escuridade mortal), Rábade Paredes... Pero
a escenificación definitiva desta ruptura prodúcese en 1976 coa publicación de Con pólvora e mag-
nolias (Xosé Luís Méndez Ferrín), poemario que supera definitivamente a poesía social.

6. A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira
Vilas).

A guerra civil española supuxo unha creba moi importante no cosmos literario galego. Este tras-
ládase ao exilio, sobre todo a Buenos Aires, onde se vai publicar unha das obras máis importantes
da posguerra (A esmorga). A literatura galega vaise manter nesta situación ata a década dos 50.
Será precisamente no ano 1951 cando saia do prelo a primeira novela galega de posguerra, A xente

23
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

na barreira, de Ricardo Carballo Calero. A partir deste momento o mundo literario galego inicia de
novo a súa andaina e así verán a luz obras de autores como Fole, Cunqueiro ou Blanco Amor. Pre-
cisamente nesta década, Fole publica dous dos seus libros de relatos, Á luz do candil (1952) e Terra
Brava (1955) e Cunqueiro, Merlín e familia (1955) e As crónicas do sochantre (1956). As obras de Fole
retratan o cosmos das terras do Incio e da Terra Chá luguesas, seguindo as características do relato
oral. Cunqueiro explora o mundo fantástico da materia de Bretaña medieval e o do sobrenatural
na historia do sochantre. A produción literaria do mindoniense complétase con Si o vello Sinbad
volvese ás illas e os seus relatos que recollen o mundo rural galego: Escola de menciñeiros, Xente
de aquí e acolá e Os outros feirantes. Retratos dun mundo que estaba a piques de desaparecer e
que el relata maxistralmente.
No ano 1959 publícase unha das obras máis importantes da narrativa galega de posguerra, trá-
tase da novela de Blanco Amor, A esmorga, que constitúe a entrada definitiva da novelística galega
no eido da narrativa moderna. A obra supón unha novidade na técnica narrativa, na súa estrutura,
no tema, nos ambientes presentados, nos personaxes. Relata, a través do interrogatorio a un dos seus
protagonistas, os feitos que lle acontecen a tres esmorgantes (Bocas, Milhomes e Cibrán) durante
unha xornada de festa que acaba mal. A través da súa troula e a través das rúas de Auria o autor
descríbenos a sociedade urbana dese momento. A súa produción en galego complétase co libro de
relatos Os biosbardos e a novela Xente ao lonxe.
Contemporáneo deste grupo de escritores é Neira Vilas, un dos escritores galegos de máis éxito
na posguerra coa súa obra Memorias dun neno labrego. A súa produción literaria explora o mundo
da emigración e o da infancia. Nas novelas da emigración, describre os emigrantes fracasados, que
sempre son os esquecidos, en obras como Camiño bretemoso ou A muller de ferro. Na temática da
infancia, ademais da súa obra máis emblemática tamén escribiu Cartas a Lelo e Querido Tomás.
Malia a súa coincidencia cronolóxica cos autores da Nova Narrativa Galega, a súa produción está
moi afastada da destes tecnicamente e tematicamente.
A partir da década dos setenta e sobre todo dos oitenta prodúcese a eclosión definitiva da narra-
tiva galega, cun número importante de novos narradores e de obras de gran calidade.

7. A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras.

A partir da década dos 60, un grupo de mozos universitarios inician un proceso de renovación
técnica da narrativa galega. Aínda que non forman xeración posto que carecen dun guía, si se poden
agrupar por presentar unha serie de características en común: todos eles teñen formación universi-
taria e inquietudes galeguistas, ademais as súas viaxes ao estranxeiro van aparelladas ao dominio
de idiomas e ao coñecemento das literaturas europeas.
Este grupo de autores caracterízase pola introdución de motivos inéditos e técnicas innovadoras.
Esta innovación técnica acádana a través do obxectalismo (monólogo interior), do perspectivismo,
da función simbólica do espazo, da ruptura da linealidade temporal, da dinamización da linguaxe,
sinxeleza sintáctica e a condensación expresiva.
Forman parte deste grupo narradores de moita relevancia na narrativa galega como Ferrín ou
Casares. O iniciador do Nova Narrativa Galega vai ser Gonzalo R. Mourullo coa publicación da súa
obra Nasce un árbore e a súa continuidade con Memorias de Tains. As súas obras caracterízanse
pola superposición de planos (real-fantástico), a introspección do subconsciente, o simbolismo e o
subxectivismo.

24
PROPOSTA DE RESPOSTA ÁS PREGUNTAS DE LITERATURA

Un dos autores máis destacados e máis prolíficos dentro deste etapa vai ser X.L. Méndez Ferrín
coas obras: Percival e outras historias, O crepúsculo e as formigas, Arrabaldo do norte, Retorno
a Tagen Ata e Elipsis e outras sombras. Todas elas presentan unha serie de características que as
incorporan á Nova Narrativa Galega: a mestura realidade-ficción, o experimentalismo e os espazos
pechados, entre outras.
Aínda que con claras diferenzas respecto aos seus compañeiros de grupo, tamén destaca Carlos
Casares. A diferenza dos outros membros da N.N.G., a narrativa de Casares céntrase en espazos
galegos e cunha forte pegada autorreferencial. As obras que pertencerían a esta etapa son: Vento
ferido e Cambio en tres. A súa narrativa está a medio camiño entre o realismo e o experimentalismo,
ademais de caracterizarse polo uso da técnica do monólogo e a presenza do narrador protagonista.
O último autor que forma parte do grupo é, coa publicación das obras Lonxe de nós e dentro
e Cara a Times Square, Camilo Gonsar. Estas dúas obras caracterízanse polo discurso ambiguo, o
realismo obxectalista (transcrición de diálogos aparentemente triviais que alternan coa realidade
inmediata) e os personaxes inadaptados ao medio.

8. O teatro galego entre 1936 e 1976: a Xeración dos 50 e o Grupo de Rivadavia.

A partir da posguerra, retómase en Galicia a produción teatral, a través dunha serie de iniciativas
como a Mostra de Teatro de Ribadavia e o Concurso de Teatro Abrente. Na década dos 60 aparecen
os primeiros grupos de teatro independente ligados ao movemento estudantil e ás asociacións cul-
turais. Tamén van aparecendo compañías teatrais: Teatro Circo; Teatro Popular Galego e Auriense.
Estas compañías representan obras cunha forte carga ideolóxica e rupturistas coas formas clásicas.
Dúas xeracións configuran o panorama teatral: a Primeira xeración de posguerra e a Xeración
das mostras de teatro de Ribadavia, que conviven cos dramaturgos anteriores.
Álvaro Cunqueiro representa a renovación do teatro galego. A súa obra O incerto señor Don
Hamlet, príncipe de Dinamarca, reinterpreta o mito clásico a través dun protagonista condicionado
polo destino, por unha vida que xira arredor da vinganza. A peza remata co fracaso vital centrado
nunha múltiple mentira, Hamlet é fillo do que el cre o seu tío e do que pretende vingarse. En A noite
vai coma un río, a protagonista agarda por un amante inexistente en tempo de guerra.
Outro dos dramaturgos destacados entre os máis vellos é Xenaro Marinhas del Valle, autor de
varias pezas recollidas en A serpe e A revolta e outras farsas. Conxunto de pezas esperpénticas nas
que se explora a vía revolucionaria como solución aos problemas sociais.
Da primeira xeración de posguerra destacan Daniel Cortezón e Manuel María. O primeiro é autor
de obras de temática histórica, como Prisciliano, Xelmírez ou a groria de Compostela, Os irmandiños
ou Pedro Madruga. O chairego Manuel María é autor de varios autos (Auto do taberneiro; Auto do
labrego; Auto do mariñeiro; Auto da costureira); dunha obra de tema mitolóxico (Edipo) e doutra
pertencente ao teatro popular (Barriga verde).
A segunda xeración está relacionada coa Mostra de Teatro de Ribadavia e o Concurso de Teatro
Abrente. Destacan autores como Manuel Lourenzo, Euloxio Ruibal e Vidal Bolaño. Lourenzo é unha
das figuras máis significativas do panorama teatral galego do século XX. Autor, director, estudoso do
teatro e mesmo actor. A súa obra teatral é moi extensa e fai del un dos dramaturgos máis prolixos.
É autor de obras como Romaría ás covas do demo (peza na que retoma a mitoloxía clásica); Viaxe
ao país de ningures; Todos os fillos de Galaad; Erros e ferros de Pedro Madruga e a triloxía Veladas
indecentes. O dramaturgo Euloxio Ruibal dáse a coñecer coa obra Zardigot (peza de estilo cinema-
tográfico que explora a historia da incidencia da guerra civil nunha familia galega). Ademais é autor

25
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

d’O Cabodano; Cousas da morte e A sombra do bon cabaleiro. O terceiro é Roberto Vidal Bolaño,
promotor teatral, director e autor. Gañador do Concurso de Teatro Abrente coas obras Laudamuco,
señor de ningures ou Ladaíñas pola morte do Meco. Tamén é o autor de Bailadela da morte ditosa,
A ópera de a patacón e a comedia A burla do galo.

9. A literatura no exilio ente 1936 e1976: poesía, prosa e teatro.

Como consecuencia da vitoria dos militares sublevados contra a República, o labor literario
que se comeza a desenvolver no primeiro terzo do século XX ten que marchar á diáspora. O centro
de actividade literaria galega trasládase a México e a Bos Aires. Na capital Arxentina entran en
contacto os emigrados cos exiliados e comezarán a desenvolver un amplo traballo intelectual coa
publicación de revistas, a creación de editoriais... Eles van ser o elo de continuidade que a Galicia
interior vira rachada pola represión do réxime franquista. Castelao foi unha das grandes referencias
do galeguismo en América e na propia terra. No exilio vanse publicar as obras que en Galicia non
podían ver a luz.
De entre todos os autores que desenvolveron a súa actividade no exilio podemos destacar os
poetas Emilio Pita, Luís Seoane ou Lorenzo Varela, todos eles moi marcados pola guerra civil en
poemarios como Jacobusland, Fardel de eisiliado, Na brétema Sant-Iago, As cicatrices ou Lonxe.
A poesía de Seoane é un reflexo do seu mundo artítisco. Esta plasticidade é empregada por Seoane
para ofrecernos unha visión persoal da cultura galega, sen esquecer a dimensión social e política.
A problemática da guerra civil vai estar presente tamén na produción de narradores como Ramón
Valenzuela ou Silvio Santiago, en novelas como Non agardei por ninguén, Era tempo de apandar
ou O silencio redimido.
No ámbito teatral temos que destacar a estrea en Bos Aires da obra de Castelao Os vellos non
deben de namorarse, a compañía de Varela Buxán foi a que a representou. O director da compañía,
un dos autores do teatro galego de maior éxito na Arxentina, escribiu moitas obras, todas elas de
tipo popular, cómicas e sentimentais, encadradas nun ambiente rural (A taberna do demo, O ferreiro
de Santán).

10. A poesía a fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias
actuais máis relevantes.

A publicación, no ano 1976, de Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín vai supoñer
a superación da poesía social imperante naquel momento e servirá para consolidar o esteticismo
como liña predominante dentro do xénero lírico. A este primeiro paso sumarase a achega de Alfonso
Pexegueiro co seu poemario Seraogna.
Así, ao abeiro destes dous poetas nacen en Galicia tres grupos poéticos que van representar
a consolidación desta nova corrente poética. Estamos a falar de Rompente, Cravo Fondo e Alén.
O máis innovador e rupturista, como ben recolle o seu nome, vai ser Rompente, integrado polo propio
A. Pexeigueiro, Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel Romón. Poñen en marcha iniciativas como
O silabario da turbina ou a revista Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio. A poesía conso-
lida definitivamente a renovación poética iniciada na década anterior coa irrupción dunha fornada
de voces poética novas. Estes poetas coñecidos como «Xeración dos 80» comparten unha serie de
características: os volumes colectivos De amor e desamor I (1984) e De amor e desamor II (1985), a

26
PROPOSTA DE RESPOSTA ÁS PREGUNTAS DE LITERATURA

súa colaboración nas revistas Dorna e Luzes de Galiza, e a súa participación no Festival de Poesía do
Condado. Forman parte desta primeira xeración Darío Xohán Cabana; Claudio Rodríguez Fer; Ramiro
Fonte; Manuel Rivas ou Álvarez Cáccamo. A súa produción caracterízase polo afán culturalista e o
decadentismo estético que distancian o poeta da sociedade. Supón unha síntese entre modernidade
e tradición sen esquecer a exploración de novos mundos (integración da cultura urbana e marxinal)
e artificios poéticos. Mantéñense fieis á liña intimista de expresión de sentimentos do eu poético.
A linguaxe sométese á experimentación na concepcón da linguaxe como arte, e non como simple
transmisora dunha mensaxe. Teñen tamén en común a súa admiración por Cunqueiro e Manuel
Antonio.
Na década seguinte aparece un novo grupo, a «Xeración dos 90», onde destacan Miro Villar,
Iolanda Castaño ou Emma Pedreira, voces que van iniciar un proceso profundo e positivo de trans-
formación da poesía. Este cambio débese a varios motivos: os poetas dos oitenta están en plena
madurez expresiva e de calidade; aparecen poetas que pertencerían a unha etapa anterior pero que
comezan agora a publicar; e aparecen poetas máis novos.

11. A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias
actuais máis relevantes.

A narrativa dos 80 experimenta toda una serie de mudanzas importantes provocadas polos
cambios políticos, a proliferación de editoriais (Xerais e Sotelo Blanco) e a aparición de premios
(Premio Blanco Amor e Premio Xerais). Esta situación xera un mercado estable e a aparición de
novas voces literarias.
Os autores máis destacados deste período obteñen certa relevancia dentro da nosa literatura por
ter gañado algún dos dous premios anteriores. É o caso de autores como: Víctor Freixanes, Alfredo
Conde, Martínez Oca ou Xavier Alcalá. Estes autores abarcan diferentes xéneros e temáticas, a novela
histórica (O triángulo inscrito na circunferencia), a novela xeracional (A nosa cinza), a experimental
(Un ano e un día) ou a realista (Fumes de papel). Unha das novidades deste período é a aparicion de
toda unha serie de voces femininas que lle dan unha nova interpretación ao feito literario. É o caso
de voces como as de María Xosé Queizán (Amantia ou Amor de tango) e Margarita Ledo (Mamá-
Fe, obra baseada no mundo do audiovisual). Espazo á parte merece a literatura experimental e a
ruptura cos xéneros literarios tradicionais de Suso de Toro con obras como: Caixón desastre, Polaroid
ou Land Rover.
A década dos 90 vaise caracterizar pola proliferación de novas liñas temáticas: a ficción cientí-
fica (Ramón Caride), a erótica (Bieito Iglesias), a sentimental (Ramiro Fonte) e o western (Reigosa).
O xénero de maior difusión vai ser a novela policial pensada para o público xuvenil e a súa difusión
a través do ensino (Crime en Compostela). Dentro deste xénero, a novela negra introduce o costu-
mismo urbano, a crítica social e certo experimentalismo expresivo (Roque Morteiro, pseudónimo de
Xelís de Toro). A presenza do humor mesturado cunha fina crítica social e de costumes ten cabida na
narrativa humorística (Gonzalo Navaza, Xavier Alcalá). A novela histórica continúa con Darío Xohán
Cabana e María Gándara. O xénero fantástico e marabilloso é cultivado por Darío Xohán Cabana
e Xosé Miranda. Outros autores apostan polo tratamento poético da linguaxe, é o caso de Anxo
Angueira ou Ramiro Fonte. A derradeira das liñas temáticas é a narrativa urbana e experimental,
centrada na exploración da marxinalidade urbana nas novelas de Suso de Toro e Cid Cabido. Un
fenómeno exclusivo é a literatura bravú, transgresora e irreverente cos canons literarios tradicionais
(Jaureguizar, Fran Alonso…).

27
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

Son autores significativos deste período Manuel Rivas (Ela, maldita alma, Que me queres, amor?,
O lapis do carpinteiro) ou Xosé Carlos Caneiro (Un xogo de apócrifos, O infortunio da soidade, A rosa
de Borges, Ébora, Tres tristes tigres). Teñen o seu recoñecemento literario en Galicia e fóra, grazas
á tradución e aos premios acadados.
Os comezos do novo século vanse caracterizar pola continuidade na diversidade de xéneros e pola
ampliación de liñas temáticas. A continuidade da novela negra vén da man de autores como Diego
Ameixeiras ou Marcos Calveiro (Festina lente), a novela histórica continúa con Teresa Moure (Her-
ba moura). A literatura feminina cobra un pulo significativo coa aparición de autoras como Anxos
Sumai (Así nacen as baleas) ou Rosa Aneiros (Sol de Inverno). Non se poden obviar as propostas
dos autores máis novos que se dedican á exploración de novas realidades, como é o caso de Iolanda
Zúñiga (Vidas post-it, Periferia) ou Senchu Sende (Made in Galiza).

12. O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, ten-
dencias e compañías actuais máis desenvolvidas ou máis esquemáticas.

Un dos momentos máis importantes do teatro galego de finais do século XX vén da man da posta
en marcha da Mostra de Teatro de Ribadavia (1973) que crea un festival que serve de referente e un
premio que servirá de plataforma aos autores. A finais da década Manuel Lourenzo e Francisco Pilla-
do fundan a Escola Dramática Galega co obxectivo de formar autores e facilitar a representación,
para a publicación dos textos dos autores novos crean os Cadernos da Escola Dramática Galega.
O remate desta década vén marcada polo esmorecemento do teatro profesional.
A década dos 80 caracterízase pola aparición de novos proxectos teatrais como a creación
da Compañía Luís Seoane e dúas salas de representación, a Luís Seoane na Coruña e a Caritel en
Ourense. O momento de referencia desta década vai ser o ano 1984, data da creación do Centro
Dramático Galego, que nace co obxectivo de favorecer o desenvolvemento do teatro profesional, a
normalización do teatro a partir da representación de autores galegos e estranxeiros e a publicación
de textos teatrais. Malia a proliferación de coleccións teatrais como Os libros do CDG, a Biblioteca
do Arlequín e os Cadernos da Escola Dramática Galega, segue sen existir un tecido editorial estable
para a publicación. Non se pode esquecer a aparición de premios como o Álvaro Cunqueiro ou o
Rafael Dieste que posibilitan a publicación e facilitan a representación.
Os autores máis vellos da década dos 80 están moi vencellados ás Mostras de Teatro de Ribadavia
e terán un papel moi destacado dentro do panorama teatral galego. É o caso de Manuel Lourenzo
(Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca), Euloxio Ruibal (Zardigot) ou Vidal Bolaño
(Laudamuco, señor de ningures).
Os autores máis novos formarán o que se coñece como promoción dos 80, que se caracteriza pola
dimensión simbólica das obras, o culturalismo, o afastamento da realidade inmediata, as reflexións
metateatrais, a crítica, o humor e a ironía. A década vaise caracterizar pola aparición de compañías
teatrais profesionais como: Sarabela Teatro, Teatro do Morcego ou Teatro do Atlántico. As voces
máis destacadas deste grupo son: Miguel Anxo Fernán-Vello (A casa dos afogados), Xesús Pisón (Ei,
Feldmühle!) ou Manuel Guede (O nome dos disfraces).
A década dos 90 caracterízase pola maior implicación dos autores teatrais co xénero. As súas
obras caracterízanse pola intertextualidade, a revisión da tradición autóctona e a revisión dos
modelos xenéricos. Destacan dentro da promoción dos 90 dramaturgos como: Miguel Anxo Murado
(A grande noite de Fiz), Candido Pazó (Raíñas de pedra), Raúl Dans (Lugar), Manuel Núñez Singala
(Comedia bífida) ou Teresa Moure (Unha primavera para Aldara).

28
PROBAS RESOLTAS
DE SELECTIVIDADE 2015
XUÑO 2015. OPCIÓN A

Ás veces me pregunto por que eu non son


como as demais mulleres: amar sen desacougo
poñer en paz o corazón e a mente
agardar con paciencia que baixen as augas
5 nas crecidas do río
resignarse á evidencia aceptar os desaires
e rezar en silencio ou chorar entrementres
as bágoas máis amargas enriba da almofada
sempre ocultando a ira. Sempre con mansedume
10 cun sorriso nos labios. Non. Eu non son daquelas
que cantan ás flores e ás pombas xa o sei
a min mátame a sede. A min fáltame o aire
levo un cravo moi fondo de amor e de paixón
nin o podo arrincar que arrincaría a alma
15 prendería o lume que me queima por dentro
eu non son daquelas que cantan ás flores e ás pombas
das que se resignan ante o desamor
e rezan e consomen bágoas sobre da almofada
Non! Eu son Medea!
Luz Pozo Garza, Medea en Corinto, 2002

CUESTIÓNS

1. Fai un breve resumo do contido do texto. Non repitas as palabras da autora. [1 punto]
2. Comenta brevemente o sentido que teñen no texto as seguintes afirmacións da poeta: [1 punto]
a) Agardar con paciencia que baixen as augas nas crecidas do río (versos 4-5)
b) Eu non son daquelas que cantan ás flores e ás pombas (versos 10-11, 16)
3. Como cres que adoitamos encarar os problemas da vida cotiá: con resignación ou con rebeldía?
Como cres que deberiamos encaralos? Redacta un texto expoñendo, de maneira argumentada,
a túa opinión. (Extensión aprox. 200-250 palabras). [3 puntos]
4. O texto é un poema con múltiples licenzas no uso dos signos de puntuación (por ausencia) e
das maiúsculas; tamén non está dividido en parágrafos. Escribe de novo o texto como se fose
en prosa, manténdoo todo igual salvo a puntuación: introduce os signos de puntuación que
consideres oportunos para que o texto en prosa resultante estea ben construído. [1 punto]
5. Analiza cada unha das cinco formas que subliñadas no texto, identificando o tipo de oración
que cada unha delas introduce. [1 punto]

31
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

6. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras)
[1 punto]
a) Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións
da norma.
b) O galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e
situación sociolingüística.
7. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos]
a) A poesía entre 1936 e 1976: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas
Minervais.
b) A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e ten-
dencias actuais máis relevantes.

32
XUÑO 2015. OPCIÓN A

CRITERIOS DE CORRECCIÓN

Pregunta 1: 1 punto
Avalíase a capacidade para identificar as ideas esenciais do texto e para expresalas de maneira
sintética e coas propias palabras do alumno/a. En consecuencia, penalizarase a abusiva repetición
literal ou case literal de fragmentos do poema.

Pregunta 2: 1 punto
Avalíase a capacidade para comprender o sentido real dos dous fragmentos máis alá da súa
literalidade, percibindo o sentido das metáforas que encerran: a) a visión dos conflitos como crecidas
dun río e a volta das augas ao seu curso normal como solución natural dos conflitos; b) a visión tópica
do lirismo (cantar ás flores e á pombas) como imaxe da conduta escapista de quen resignadamente
evita enfrontar os problemas. Asígnase 0,5 puntos pola interpretación de cada fragmento.

Pregunta 3: 3 puntos
Valórase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado,
adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 3 puntos
desagregaranse en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:
1) Construción textual: 1 punto. Valorarase: 1.a) A adecuada selección da información, coa
presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido,
evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como
a «orixinalidade» gratuíta. 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto
debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir
contradicións. 1.c) A organización da información: estruturación do texto (e.g., introdución,
desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.
2) Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase a capacidade de construción de textos
adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos
rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais.
Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados
como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto
gramaticais como léxicos.
3) Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase o correcto dominio da ortografía,
dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas
morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar.

No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar


a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución
proporcionada da valoración global da pregunta.

33
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

Pregunta 4: 1 punto
A valoración establecerase, de maneira matizada, entre dous extremos: A) Un punto por un texto
ben puntuado, presumiblemente dividido en parágrafos separados de maneira axeitada, no que os
signos de puntuación facilitan a lectura do texto. B) Cero puntos por un texto no que a puntuación
introducida entorpece seriamente a lectura e interpretación textual.

Pregunta 5: 1 punto
Outórganse 0,20 puntos por cada forma ben analizada (0,10 pola identificación do que e 0,10
pola identificación do tipo de oración).

Pregunta 6: 1 punto
Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta
e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da
información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco
informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e
previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non dunha reprodución
puramente memorística.

Pregunta 7: 2 puntos
Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas,
tendencias…
b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só
debe facer referencia ás principais obras, senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos
autores.
c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras.
A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente
establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non dunha reprodución puramente
memorística.

34
XUÑO 2015. OPCIÓN A

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

En ambas as opcións, ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección
lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2
puntos por erros. Estes poderán ser:
— Moi graves: Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala
colocación dos clíticos…). Desconto 0,2 puntos c/u.
— Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica…
Desconto 0,1 c/u.
— Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0,05
puntos c/u.

Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, pois xa van incluídas na propia
valoración da pregunta.

35
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

RESOLUCIÓN DA PROBA

1. Fai un breve resumo do contido do texto. Non repitas as palabras da autora. [1 punto]

A protagonista cuestiónase por que non é submisa e resignada como o resto das mulleres, para
a continuación negarse a selo e definirse como pasional e das que non se resignan diante dos
acontecementos que vive.

2. Comenta brevemente o sentido que teñen no texto as seguintes afirmacións da poeta: [1 punto]
a) Agardar con paciencia que baixen as augas nas crecidas do río (versos 4-5)
b) Eu non son daquelas que cantan ás flores e ás pombas (versos 10-11, 16)

a) Refírese á visión dos conflitos como crecidas dun río e a volta das augas ao seu curso normal
como solución natural dos conflitos.
b) Utiliza a visión tópica do lirismo (cantar ás flores e ás pombas) como imaxe da conduta escapista
de quen resignadamente evita enfrontar os problemas.

3. Como cres que adoitamos encarar os problemas da vida cotiá: con resignación ou con rebeldía?
Como cres que deberiamos encaralos? Redacta un texto expoñendo, de maneira argumentada, a
túa opinión. (Extensión aprox. 200-250 palabras). [3 puntos]

Na nosa vida cotiá son moitos os momentos nos que temos que enfrontarnos a problemas máis
ou menos complexos. Segundo a súa complexidade as nosas actitudes e comportamentos á hora
de encaralos adoitan variar. Cando son doados de resolver a nosa resposta acostuma ser áxil e
contundente, mais se son complexos son moitos os que se resignan e non buscan solución porque
coidan que non van poder resolvelos. Outro factor que non podemos deixar de ter en conta,
ademais da complexidade do problema é a personalidade do afectado. Hai xente que carece
de carácter e de iniciativa, e que se resigna diante de calquera problema aínda sendo do máis
insignificante. Obviamente non vai resultar nada doado asumir actitudes rebeldes cando un ten
unha personalidade que o leva á resignación e ao derrotismo.
Eu son dos que penso que debemos ser ousados diante dos problemas e rebelarnos contra eles
procurando sempre unha solución e non deixando que sexan eles os que nos derroten. Debemos
analizar todas as posibles solucións, partindo sempre do principio de que todo problema ten
cando menos unha solución. Dende esta perspectiva, ás veces temos que dar un paso atrás para
velo dende un pouco máis lonxe e acadar a solución. Que acontecería se Gandhi ou Mandela
se resignasen diante da situación que vivían os seus pobos? Hoxe en día a India seguiría sendo
colonia Británica e o racismo seguiría sendo un selo de identidade en Sudáfrica. Como estes, son
moitos os exemplos que poderiamos poñer de persoas que non sendo tan sobranceiras se rebelan
acotío contra os problemas que rodean a nosa vida.
Resumindo, non debemos asumir resignadamente que os problemas non teñen solución, todo
o contrario. Por moi complexos que resulten, todos poderán resolverse.

36
XUÑO 2015. OPCIÓN A

4. O texto é un poema con múltiples licenzas no uso dos signos de puntuación (por ausencia) e das
maiúsculas; tamén non está dividido en parágrafos. Escribe de novo o texto como se fose en pro-
sa, manténdoo todo igual salvo a puntuación: introduce os signos de puntuación que consideres
oportunos para que o texto en prosa resultante estea ben construído. [1 punto]

Ás veces me pregunto por que eu non son como as demais mulleres: amar sen desacougo;
poñer en paz o corazón e a mente; agardar con paciencia que baixen as augas nas crecidas do río;
resignarse á evidencia; aceptar os desaires e rezar en silencio ou chorar entrementres as bágoas
máis amargas enriba da almofada. Sempre ocultando a ira. Sempre con mansedume. Cun sorriso
nos labios. Non.
Eu non son daquelas que cantan ás flores e ás pombas, xa o sei. A min mátame a sede. A min
fáltame o aire. Levo un cravo moi fondo de amor e de paixón. Nin o podo arrincar, que arrincaría
a alma, prendería o lume que me queima por dentro.
Eu non son daquelas que cantan ás flores e ás pombas, das que se resignan ante o desamor e
rezan e consomen bágoas sobre da almofada.
Non! Eu son Medea!

5. Analiza cada unha das cinco formas que subliñadas no texto, identificando o tipo de oración que
cada unha delas introduce. [1 punto]

1. Pregunto por que eu non son: Pron. interrogativo + oración subordinada completiva de CD.
2. Agardar que baixen as augas: Conxunción + oración subordinada completiva de CD.
3. Daquelas que cantan: Pron. relativo + oración subordinada adxectiva ou relativa.
4. Que arrincaría a alma: Conxunción + oración subordinada adverbial causal.
5. O lume que me queima: Pron. relativo + oración subordinada adxectiva ou relativa.

37
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

A
ta hai ben poucos anos, as galegas e os galegos eramos bos coñecedores do medio que nos
rodeaba. Cada recuncho tiña o seu nome, boa parte das especies animais e vexetais tiñan o
seu uso e requirían a súa técnica de pesca ou de caza, de cultivo ou recolección, de conser-
vación e elaboración. A necesidade de coñecemento do medio, da natureza e das súas posibilidades
5 era vital. A transmisión de xeración en xeración foi seleccionando as mellores plantas para facer
cestos, para tinguir, con propiedades medicinais ou culinarias.
Este «sistema tradicional de coñecemento» desapareceu por diversos motivos. Fundamentalmente
porque son saberes que parece que non se precisan nunha sociedade moderna e globalizada onde
as mazás veñen de Chile, os espárragos da China e as empanadas agardan conxeladas no frigorífico.
10 Pero tamén porque xa non existen os espazos para que se produza esta transmisión. A televisión
co seu «ruído e resplandor» apenas deixa lugar para a conversa, e moito menos para os contos dos
maiores. Desfasados e perdidos na modernidade, os contos dos vellos non son estimulantes para a
mocidade. Os vellos non cren que a súa sabedoría sexa interesante para os netos e estes pensan que
pouco poden aprender de persoas que non saben manexar o MP3 ou a Nintendo.
15 Porén, existen numerosos espazos nos que se poden recuperar e rememorar estes saberes.
Asociacións ou centros de ensino poden cumprir a función social que antes tiñan as muiñadas ou
os seráns. Se a capacidade de reter información foi a que nos fixo chegar ata aquí, alén do actual
coñecemento sobre cales son os coches máis eficientes e as mellores marcas de roupa ou calzado,
por que non manter esta información vital? Estamos seguros que esa bagaxe non nos vai servir no
20 futuro? Non nos serve hoxe?

Adaptado de Ramsés Pérez, en Cerna. Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, 59 (2009)

CUESTIÓNS

1. Indica cal é o tema do texto e fai un breve resumo do seu contido. [1 punto]
2. Fai un esquema coa estrutura do texto, indicando os núcleos de contido de cada parte. [1 punto]
3. Expón, de maneira argumentada, a túa opinión persoal sobre o problema de que trata o texto.
Presta atención ás preguntas formuladas ao final do mesmo. (Extensión aprox. 200-250 pala-
bras). [3 puntos]
4. Indica: a) un sinónimo e un antónimo das seguintes palabras do texto (na acepción que teñen
nel): desapareceu (liña 7), maiores (liña 12), sabedoría (liña 13), rememorar (liña 15); e b) o
hiperónimo do que mazás, espárragos e empanadas (liña 9) son cohipónimos. [1 punto]
5. Fíxate ben: Por que non manter esa información vital? e Estamos seguros que esa bagaxe non
nos vai servir no futuro? (liñas 19-20) son oracións interrogativas de dúas clases distintas. Que
diferenzas hai entre un e outro tipo de interrogacións? [1 punto]

38
XUÑO 2015. OPCIÓN B

6. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras)
[1 punto]
a) Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións
da norma.
b) O galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e
situación sociolingüística.
7. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos]
a) A poesía entre 1936 e 1976: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas
Minervais.
b) A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e ten-
dencias actuais máis relevantes.

39
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

CRITERIOS DE CORRECCIÓN

Pregunta 1: 1 punto
Avalíase a capacidade para identificar o tema do texto e para presentar de maneira sintética a
mensaxe que transmite. Asígnanse 0,50 puntos a cada tarefa.

Pregunta 2: 1 punto
Avalíase a capacidade de compresión analítica do texto por parte do alumno/a a través da iden-
tificación das ideas que expresa e da súa organización xerárquica.

Pregunta 3: 3 puntos
Aplícanse os mesmos criterios expostos na mesma pregunta da opción 1.

Pregunta 4: 1 punto
Por cada sinónimo e antónimo pedidos (oito en total): 0,10 puntos. Polo hiperónimo: 0,20 puntos.

Pregunta 5: 1 punto
A pregunta refírese á contraposición entre interrogativas totais e parciais. Non se esixe, porén, o
uso desta terminoloxía. Agárdase que o alumno/a sexa quen de articular unha reflexión metalingüística
para explicar as diferenzas existentes entre as dúas maneiras de que dispón para facer preguntas,
diferenzas tanto de forma (presenza/ausencia de partículas interrogativas) como de uso ou función
(que tipo de preguntas se fai –e de respostas se dá– con cada unha delas). Outórgase a razón de 0,50
puntos por cada tipo, aínda que é de esperar unha resposta integrada para ambos.

Pregunta 6: 1 punto
Vid. opción 1.

Pregunta 7: 2 puntos
Vid. opción 1.

40
XUÑO 2015. OPCIÓN B

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

En ambas as opcións, ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección
lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2
puntos por erros. Estes poderán ser:
— Moi graves: Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colo-
cación dos clíticos…). Desconto 0,2 puntos c/u.
— Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica…
Desconto 0,1 c/u.
— Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0,05
puntos c/u.

Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, pois xa van incluídas na propia valo-
ración da pregunta.

41
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

RESOLUCIÓN DA PROBA

1. Indica cal é o tema do texto e fai un breve resumo do seu contido. [1 punto]

A perda dos saberes tradicionais na sociedade actual.

2. Fai un esquema coa estrutura do texto, indicando os núcleos de contido de cada parte. [1 punto]

Podemos dividir o texto proposto en tres partes que neste caso se corresponden cos tres pará-
grafos en que aparece externamente estruturado.
1. Ata hai poucos anos era necesario coñecer a contorna en que se desenvolvía a nosa vida.
2. Contraponse a ausencia desa necesidade na sociedade actual, debida sobre todo á ruptura da
transmisión interxeracional destes saberes tradicionais.
3. Trasládase ao lector ou lectora a existencia de numerosos espazos nos que se poden recuperar
estes coñecementos a través de asociacións ou de centros de ensino.

3. Expón, de maneira argumentada, a túa opinión persoal sobre o problema de que trata o texto.
Presta atención ás preguntas formuladas ao final do mesmo. (Extensión aprox. 200-250 palabras).
[3 puntos]

A nosa sociedade actual avanza a un ritmo de vertixe, sobre todo no ámbito tecnolóxico. Isto
provoca que o novo deixe de selo rapidamente e xere en nós a necesidade de abandonar o antigo
para ir sempre á última. O problema desta dinámica está na idea que nos fan interiorizar de que
tradición e modernidade son dous termos que se opoñen no canto de ser dous termos que se poden
complementar perfectamente.
Os remedios que empregaban as avoas para solucionar doenzas e problemas que lles acontecían
na súa vida cotiá son hoxe vistos como cousas de vellos que non teñen nada que facer cos remedios
actuais. O leite con mel que solucionaba as dores de gorxa foi substituído polo paracetamol, a
medicina natural é desbotada e mesmo desprezada pola medicina moderna. Nas familias ráchase
a transmisión familiar de saberes e costumes porque a comunicación da rapazada cos avós é case
anecdótica e iso provoca que como sociedade se perda a singularidade en favor da uniformidade.
Malia todo isto, aínda quedan entidades e colectivos sociais que tentan manter este vínculo
entre as xeracións. Pero non podemos agochar os saberes tradicionais pechados nos museos ou
permitir que se perdan coa desaparición dos avós: a administración educativa debería xogar un
papel importante na súa transmisión e na súa posta en valor.
Que as sociedades avancen é fundamental, pero o grave é que o fagan de costas ao legado das
xeracións anteriores a elas. Non debemos esquecer que moitos dos avances dos que dispoñemos
hoxe en día teñen a súa orixe nos saberes tradicionais e na curiosidade humana para adaptalos
ás súas necesidades.

4. Indica: a) un sinónimo e un antónimo das seguintes palabras do texto (na acepción que teñen nel):
desapareceu (liña 7), maiores (liña 12), sabedoría (liña 13), rememorar (liña 15); e b) o hiperónimo
do que mazás, espárragos e empanadas (liña 9) son cohipónimos. [1 punto]

42
XUÑO 2015. OPCIÓN B

Son sinónimos das palabras propostas: esmoreceu, avós, coñecemento, lembrar.


Son antónimos: apareceu, nenos, ignorancia, esquecer.
As palabras do apartado b) son hiperónimos de alimentos.

5. Fíxate ben: Por que non manter esa información vital? e Estamos seguros que esa bagaxe non nos vai
servir no futuro? (liñas 19-20) son oracións interrogativas de dúas clases distintas. Que diferenzas
hai entre un e outro tipo de interrogacións? [1 punto]

Trátase de dúas estruturas interrogativas, unha total e outra parcial. No caso da primeira, a
súa enunciación iníciase coa partícula interrogativa «por que» e a súa resposta non pode ser «si»
ou «non», senón que require unha resposta máis longa e matizada. En canto á segunda, a marca
interrogativa vén da man do signo de interrogación e sobre todo, na lingua oral, diferénciase pola
súa pronuncia. Neste segundo caso, a resposta pode ser un simple «si» ou «non» ou a resposta co
mesmo verbo da pregunta, «estamos», fórmula característica da nosa lingua.

43
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

N
unca poderei esquecer o derradeiro día que pasamos na nosa casa de Ziguinchor. Desde
un mes antes sabiamos a data en que a abandonariamos, e tamén os pormenores da viaxe.
Papá enviáranos os cartos necesarios e mercara en España os billetes do avión que iamos
coller en Dakar. Marchabamos para non volver en moitos anos, abandonabamos para sempre a nosa
5 casa. (…) As miñas amigas non paraban de dicirme a sorte que tiña e enchíanme de preguntas sobre
a vida que ía levar en España. Eu non sabía que contestarlles…
O día anterior ao da nosa marcha mamá chegou á casa con dúas grandes maletas que acababa de
mercar. Abriu unha delas e deixouna encol da cama onde durmiamos Naima e mais eu.
—Encárgate de facer a vosa maleta. Escolle ben o que vas levar, xa che expliquei que cada maleta
10 non pode levar máis de vinte quilos.
Nese momento comprendín de verdade o que significaba abandonar o Senegal. Que escasa era
a vida que ía levar comigo! Dez quilos, quince todo o máis, porque as cousas de Naima seguro que
pesaban menos. O resto tería que deixalo atrás, marchar como as cegoñas que cada ano vía emigrar
na procura dunha nova terra.
15 Aquela noite derradeira fun incapaz de durmir. Deitada na cama, pensaba en todo o que non
levaba na maleta, o que non me cabería nela aínda que fose enormísima, porque hai cousas que
non é posible levar. Todo iso tería que levalo na memoria e facer o esforzo de conservalo. Para que
non se me borrase, para que me acompañase a todas horas.

Agustín Fernández Paz, Lúa do Senegal, 2009

CUESTIÓNS

1. Sinala de maneira xustificada cal é a intención do autor do texto: [1 punto]


(a) Narrar os complicados preparativos dunha viaxe para ir vivir a outro país.
(b) Reflectir o drama humano e o desarraigamento que supón a emigración.
(c) Describir as dúbidas dunha nena que non ten claro se quere ou non deixar o seu país.
2. Por que as amigas da protagonista «non paraban de dicirlle a sorte que tiña» (liña 5) por vir
vivir a España con seu pai e, porén, ela (liña 6) «non sabía que contestarlles»? [1 punto]
3. Ponte no lugar da protagonista e redacta un texto sopesando os aspectos positivos e negativos
da viaxe e describindo cal sería o teu estado de ánimo. (Extensión aprox. 200-250 palabras)
[3 puntos]
4. Indica a que clase de palabra corresponde cada un dos cinco nexos destacados no texto e
identifica o tipo de oración que cada un deles introduce. [1 punto]
5. Sinala o tipo (aspectual, modal ou temporal) e o valor concreto das seguintes catro perífrases
verbais tiradas do texto: iamos coller (liña 3), non paraban de dicirme (liña 5), acababa de mercar
(liñas 7-8), tería que deixalo (liña 13) [1 punto]

44
SETEMBRO 2015. OPCIÓN A

6. Responde unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras)
[1 punto]
a) Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.
b) O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais.
Contexto histórico e situación sociolingüística.
7. Responde unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos]
a) A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo).
b) A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro.

45
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

CRITERIOS DE CORRECCIÓN

Pregunta 1: 1 punto
Avalíase a capacidade para identificar o sentido do texto, máis alá das anécdotas secundarias.
Espérase que o alumno/a identifique a opción correcta (b) e que xustifique adecuadamente a escolla.
Outórganse 0,5 puntos pola correcta identificación e un máximo doutros 0,5 puntos pola xustificación.

Pregunta 2: 1 punto
Agárdase unha explicación breve pero ben organizada das motivacións que sustentan os dous pun-
tos de vista, non coincidentes. Debe apoiarse en elementos do propio texto e tamén, eventualmente,
no coñecemento da realidade. Na resposta debe demostrarse tanto a comprensión do texto como a
capacidade para transmitir as súas ideas.

Pregunta 3: 3 puntos
Valórase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado,
adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 3 puntos desagre-
garanse en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:
1) Construción textual: 1 punto. Valorarase: 1.a) A adecuada selección da información, coa pre-
senza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido,
evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a
«orixinalidade» gratuíta. 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe
presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir contra-
dicións. 1.c) A organización da información: estruturación do texto (e. g., introdución, desen-
volvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.
2) Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase a capacidade de construción de textos
adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos
rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais.
Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados
como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto
gramaticais como léxicos.
3) Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase o correcto dominio da ortografía, dos
signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfo-
lóxicas, desde o punto de vista do galego estándar.

No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a


súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución pro-
porcionada da valoración global da pregunta.

Pregunta 4: 1 punto
Outórganse 0,20 puntos por cada forma ben analizada (0,10 pola identificación da clase de palabra
e 0,10 pola do tipo de oración).

46
SETEMBRO 2015. OPCIÓN A

Pregunta 5: 1 punto
Por cada perífrase ben analizada: 0,25 puntos. Se non indica axeitadamente o tipo, pola explicación
do valor, ata 0,20 puntos.
Espérase que o alumno/a reflexione e explique o valor das perífrases coas súas propias palabras,
sen que sexa necesario que ao facelo empregue unha terminoloxía lingüística específica.

Pregunta 6: 1 punto
Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregun-
ta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da
información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pou-
co informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e
previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non dunha reprodución
puramente memorística.

Pregunta 7: 2 puntos
Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, ten-
dencias…
b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só
debe facer referencia ás principais obras, senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos
autores.
c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras.
A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente
establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non dunha reprodución puramente
memorística.

47
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

En ambas as opcións, ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección
lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2
puntos por erros. Estes poderán ser:
— Moi graves: Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colo-
cación dos clíticos…). Desconto 0,2 puntos c/u.
— Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica…
Desconto 0,1 c/u.
— Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0,05
puntos c/u.

Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, pois xa van incluídas na propia valo-
ración da pregunta.

48
SETEMBRO 2015. OPCIÓN A

RESOLUCIÓN DA PROBA

1. Sinala de maneira xustificada cal é a intención do autor do texto: [1 punto]


(a) Narrar os complicados preparativos dunha viaxe para ir vivir a outro país.
(b) Reflectir o drama humano e o desarraigamento que supón a emigración.
(c) Describir as dúbidas dunha nena que non ten claro se quere ou non deixar o seu país.

A intención do autor é reflectir o drama humano e o desarraigamento que supón a emigración.


Esta intencionalidade queda clara no parágrafo final do texto, onde a protagonista afirma que a
derradeira noite que pasou na súa casa non foi quen de durmir por todo o que ía deixar atrás e
a dúbida de se conseguiría que os momentos vividos e as experiencias puidesen quedar na súa
memoria para sempre.
Aquela noite derradeira fun incapaz de durmir. Deitada na cama, pensaba en todo o que non
levaba na maleta, o que non me cabería nela aínda que fose enormísima, porque hai cousas que
non é posible levar. Todo iso tería que levalo na memoria e facer o esforzo de conservalo. Para que
non se me borrase, para que me acompañase a todas horas.

2. Por que as amigas da protagonista «non paraban de dicirlle a sorte que tiña» (liña 5) por vir vivir
a España con seu pai e, porén, ela (liña 6) «non sabía que contestarlles»? [1 punto]

As amigas non paraban de dicirlle a sorte que tiña porque ía marchar de Senegal a España,
a porta de entrada no primeiro mundo. Podería afastarse da miseria e das penurias que viven as
xentes de África. Porque esa é a idea que teñen as persoas de África que emigran a Europa, ou neste
caso máis concretamente a España. Malia isto, non sabía que contestarlles porque descoñecía a
vida que a agardaba no seu novo destino e sobre todo polos sentimentos que lle sobreviñan ao ter
que deixar a súa terra e as súas vivencias atrás.

3. Ponte no lugar da protagonista e redacta un texto sopesando os aspectos positivos e negativos da


viaxe e describindo cal sería o teu estado de ánimo. (Extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos]

Mañá será o gran día, o da miña marcha deste país de miseria procurando un futuro moito
mellor ca este presente cheo de penuria e de morte. Este cambio crea no meu maxín unha serie
de sentimentos contraditorios.
Por unha banda son consciente de que o futuro que se abre na terra á que vou marchar é cando
menos prometedor e engaiolante. Vou fuxir deste país que non me ofrece máis que miseria e fame.
Por outra, todas as ilusións postas nesta viaxe tropezan co feito de ter que partir. Atrás vai
quedar a miña terra, o lugar onde vivín os primeiros anos da miña vida, os amigos e sobre todo os
meus, a familia da que formo parte.
Malia saír na procura dunha vida mellor, o sentimento de tristura preside a miña marcha porque
non sei se algún día volverei, e isto provoca en min un desacougo aínda maior.
Como din os versos da nosa padronesa ilustre, Rosalía de Castro, «¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo por un mundo que non vin! Deixo amigos por estraños, deixo a veiga
polo mar, deixo, en fin, canto ben quero… ¡Quen pudera non deixar!…» Estes versos resumen per-
fectamente os meus pensamentos horas antes de verme na obriga de ter que deixar a miña terra.

49
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

4. Indica a que clase de palabra corresponde cada un dos cinco nexos destacados no texto e identifica
o tipo de oración que cada un deles introduce. [1 punto]
Que (l. 1) = pron. relativo + or. subord. adxectiva/relativa
Que (l. 6) = pron. interrogativo + or. subord. complet. de CD
Que (l. 9) = conxunción + or. subord. complet. de CD
Porque (l. 12) = conxunción + or. subord. adverbial causal
Aínda que (L. 16) = conxunción (ou loc. conx.) + or. concesiva.

[Admítense as diversas terminoloxías ao uso e non se require un absoluto detalle ou precisión


terminolóxica (e. g. «que [l. 1] é un pronome que introduce unha oración de relativo» sería unha
resposta correcta)]

5. Sinala o tipo (aspectual, modal ou temporal) e o valor concreto das seguintes catro perífrases
verbais tiradas do texto: iamos coller (liña 3), non paraban de dicirme (liña 5), acababa de mercar
(liñas 7-8), tería que deixalo (liña 13) [1 punto]
iamos coller: temporal de posterioridade ou aspectual de inminencia.
non paraban de dicirme: aspectual de continuidade ou reiteración da acción.
acababa de mercar: temporal de anterioridade inmediata (non se considerará incorrecta a
interpretación aspectual perfectiva).
tería que deixalo: modal de obriga ou necesidade.

50
SETEMBRO 2015. OPCIÓN B

A
s illas da costa galega comparten unha serie de características e valores naturais, aínda que
cada unha delas ten a súa propia identidade. Poderiamos consideralas un só espazo natural
aínda que se atopen moi dispersas no litoral. Unicamente a illa de Cortegada, coas condi-
cións climáticas diferenciais causadas pola súa localización no interior da ría de Arousa, concreta-
5 mente no esteiro do Ulla, non encaixaría no modelo xenérico de illa atlántica galega. Cortegada ten o
perfil chairo habitual das illas fluviais e está abundantemente arborada, o que a diferencia das demais,
caracterizadas polos cantís rochosos recubertos, en parte, por unha vexetación de cantil adaptada
a soportar os fortes ventos oceánicos cargados de auga salgada. Ademais, a vexetación arbórea na
maioría destas illas adoita ser pobre, mentres que as matogueiras e a flora de cantil son abundantes.
10 Os maiores valores naturais que albergan as illas atlánticas, á parte dos evidentes paisaxísticos,
son, por unha banda, a enorme riqueza e biodiversidade dos ecosistemas submarinos asociados, e,
por outra banda, as abundantes colonias de aves mariñas que as utilizan como zona de cría ou de
paso nas diferentes estacións do ano.

V. Caamaño, A. Leiro e M. Dapena, Espazos naturais de Galiza, 2004

CUESTIÓNS

1. Elabora un esquema coas ideas principais e secundarias do texto. [1 punto]


2. Indica o significado que teñen no texto as seguintes palabras: esteiro (liña 5), chairo (liña 6),
matogueira (liña 9), biodiversidade (liña 11), colonia (liña 12). Non son válidas as respostas só
con sinónimos. [1 punto]
3. Redacta un texto describindo un espazo de interese natural que coñezas. Identifícao, localízao
e expón de maneira organizada as súas características e valores máis salientables. (Extensión
aprox. 200-250 palabras) [3 puntos]
4. Indica se é aberta ou pechada a vogal tónica das seguintes palabras: costa (liña 1), esteiro (l. 5),
xenérico (l. 5), rochosos (l. 7), recubertos (l. 7), colonias (l. 12). [1 punto]
5. Identifica no texto cinco substantivos pertencentes ao campo semántico «accidentes xeográ-
ficos». Engade ti outros cinco máis. [1 punto]
6. Responde unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras)
[1 punto]
a) Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.
b) O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais.
Contexto histórico e situación sociolingüística.
7. Responde unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos]
a) A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xorna-
lismo)
b) A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro.

51
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

CRITERIOS DE CORRECCIÓN

Pregunta 1: 1 punto
Avalíase a capacidade de compresión analítica do texto por parte do alumno/a a través da iden-
tificación das ideas que expresa e da súa organización xerárquica. É válida calquera forma de repre-
sentación gráfica, sempre que sexa esquemática.

Pregunta 2: 1 punto
Por cada palabra ben definida concederanse 0,20 puntos. Valórase que o alumno/a coñeza o sig-
nificado que teñen no texto as palabras indicadas e que sexa quen de expresalo. Non é precisa unha
definición lexicográfica rigorosa, mais non será válida a resposta cando só conteña sinónimos ou a
tradución a outra lingua.

Pregunta 3: 3 puntos
Aplícanse os mesmos criterios expostos na mesma pregunta da opción A.

Pregunta 4: 1 punto
Restarase 0,20 puntos por cada ítem mal respondido, excepto polo primeiro erro, que só se pena-
lizará con 0,10. É dicir:
1 fallo = 0,9 puntos / 2 fallos = 0,7 / 3 fallos = 0,5 / 4 fallos = 0,3 / 5 fallos = 0,1 / 6 fallos = 0
puntos

Pregunta 5: 1 punto
Outórgase 0,10 puntos por cada substantivo pertencente ao campo semántico indicado. Cinco deles
deberán estar tirados do texto e outros cinco deberán ser achegados polo alumno/a.

Pregunta 6: 1 punto
Vid. opción A.

Pregunta 7: 2 puntos
Vid. opción A.

52
SETEMBRO 2015. OPCIÓN B

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

En ambas as opcións, ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección
lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2
puntos por erros. Estes poderán ser:
— Moi graves: Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colo-
cación dos clíticos…). Desconto 0,2 puntos c/u.
— Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica…
Desconto 0,1 c/u.
— Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0,05
puntos c/u.

Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, pois xa van incluídas na propia valo-
ración da pregunta.

53
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

RESOLUCIÓN DA PROBA

1. Elabora un esquema coas ideas principais e secundarias do texto. [1 punto]


1. Cada unha das illas da costa galega ten a súa identidade propia, malia compartiren caracterís-
ticas comúns.
2. A illa de Cortegada é a única que non comparte as características das illas da costa galega.
2.1. Perfil chairo da illa de Cortegada fronte a cantís rochosos do resto das illas galegas.
2.2. Arborado abondoso da illa de Cortegada fronte a matogueira e flora de cantil.
3. Os maiores valores das Illas Atlánticas son a riqueza dos ecosistemas mariños e as numerosas
colonias de aves.

2. Indica o significado que teñen no texto as seguintes palabras: esteiro (liña 5), chairo (liña 6),
matogueira (liña 9), biodiversidade (liña 11), colonia (liña 12). Non son válidas as respostas só con
sinónimos. [1 punto]
Esteiro: ‘Entrada do mar na costa no lugar onde desemboca un río.’
Chairo: ‘Que non ten diferenzas de altura nin desniveis de terreo.’
Matogueira: ‘Extensión de terreo cuberta de matas, silvas, toxos e outra maleza.’
Biodiversidade: ‘Gran variedade de formas de vida animais e vexetais que se atopan en ambientes
diferentes.’
Colonia: ‘Conxunto de animais ou plantas da mesma especie.’

3. Redacta un texto describindo un espazo de interese natural que coñezas. Identifícao, localízao e
expón de maneira organizada as súas características e valores máis salientables. (Extensión aprox.
200-250 palabras) [3 puntos]
Entre as Rías de Vigo e Pontevedra, no punto máis occidental da península do Morrazo, encón-
trase a Costa da Vela, cunha superficie de 1.384,81 ha, das cales 1.003 ha son de augas mariñas.
Este é un mundo virxe no que o mar e os piñeiros son os donos da paisaxe. Aquí as vistas son
dunha beleza espectacular. Como o solpor desde o Faro de Cabo Home, un dos máis altos de Galicia;
os cantís de Donón, de máis de 150 m de altura e contra os que o mar se bate furioso; a praia de
Melide, coas illas Cíes en fronte, case ao alcance da man, e desde a que non é raro ver golfiños
xogando na auga; e xa na ría de Vigo, as paradisíacas praias de Nerga e Barra, esta última nudista,
de augas transparentes e rodeada de piñeiros que chegan case ata a area.
Dominando o ceo e a terra, o mítico Monte do Facho, antigo castro e santuario celta. Está só a
160 m sobre o nivel do mar, pero o seu emprazamento é magnífico para non perderse nada, desde
Cabo Silleiro a Cabo Fisterra. Xa na antigüidade este lugar debruzado espectacularmente en cantís
de máis de 150 metros sobre o mar era un lugar de peregrinación. A beleza dos miradoiros mariños
xunto coas praias e os xacementos arqueolóxicos seguen a ser na actualidade os atractivos deste
excelente destino natural entre as rías de Vigo e de Pontevedra.
No extremo sur sitúase Cabo Home, con tres puntas e cadanseu faro. Entre elas acollen unha
pequena enseada coa praia de Melide e protexen, xa no interior da ría de Vigo, a sucesión des-
toutros areais: Barra, Viñó e Nerga, cun sistema dunar de formas pouco comúns. (Adaptación da
web oficial de Turgalicia)

54
SETEMBRO 2015. OPCIÓN B

4. Indica se é aberta ou pechada a vogal tónica das seguintes palabras: costa (liña 1), esteiro (l. 5),
xenérico (l. 5), rochosos (l. 7), recubertos (l. 7), colonias (l. 12). [1 punto]
Vogal tónica aberta: costa, xenérico, recubertos, colonias.
Vogal tónica pechada: esteiro, rochosos.

5. Identifica no texto cinco substantivos pertencentes ao campo semántico «accidentes xeográficos».


Engade ti outros cinco máis. [1 punto]

Son substantivos pertencentes ao campo semántico dos «accidentes xeográficos» presentes no


texto: illas, litoral, ría, esteiro e cantís.
Outros cinco termos pertencentes a este campo semántico son: cabo, golfo, chaira, cordilleira
e aba.

55
PROPOSTAS ALTERNATIVAS
PROPOSTAS ALTERNATIVAS

PROPOSTA ALTERNATIVA I

A
o final da aula, como sempre, fomos asinar a asistencia e un compañeiro ofreceume o seu
bolígrafo. Devolvinllo, agradecín o xesto, e respondeume «Bueno… bolígrafo o bolígrafa?»
E riu. O seu riso provocoume o tipo de inestabilidade que sentes cando intentas estar de
pé, e dereitiña, enriba da area nun día de sol inmenso. […] Que este tipo de comentarios nazan
5 nun contexto tan simple e relaxado como era o da miña aula o único que me dá en pensar é que se
considerou que eu estaba a atacar a algo ou alguén, ou que estaba xa a preparar unha escopeta en
contra da xente que non empregara este tipo de formas non marcadas na lingua.
Marchei para casa sentindo que, sen as persoas da aula o saberen, nesta semana estaban atacan-
do o meu campo de interese e traballo por segunda vez. Se este discurso é o que impera, como vai
10 haber unha institución interesada en financiar os estudos de xénero? Se se considera que non hai
conflito ou problema non hai nada que investigar. No entanto, esfórzome en pensar que este tipo
de feitos o único que teñen que provocar son ganas de escribir, de crear discurso e seguir na liña
dunha  maior concienciación, porque a cuestión de xénero non é algo que vai ligado a abrirmos
un debate en concreto sobre o tema, lermos un libro ou vermos un documental, senón que é unha
15 forza transparente que está instalada no noso día a día e que está presente a cada momento. É o
obxectivo, por tanto, traballar por desenmascarar e facer visíbel esta forza opaca (xa que tanto está
de moda este termo) para desmontar e dar a entender que podemos construírnos dun xeito diferente
ao que se nos impón. A pregunta non é tanto se podemos mudar a situación, senón se queremos.
Xa Hannah Arendt dixo que a acción non é o inicio dunha cousa senón de alguén, porque son as
20 accións as que nos identifican.

Ánxela Lema, en Sermos Galiza, 18-11-2014

CUESTIÓNS

1. Indica o tema do texto e fai un resumo do seu contido.


2. Explica o significado que ten no texto o seguinte fragmento: «Xa Hannah Arendt dixo que a
acción non é o inicio dunha cousa senón de alguén, porque son as accións as que nos identi-
fican.»
3. Dá a túa opinión persoal sobre as ideas que se transmiten no texto.
4. Explica a colocación dos pronomes átonos no primeiro parágrafo.
5. Indica se son abertas ou pechadas as vogais tónicas das palabras que aparecen en negra no
texto.
6. Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións
da norma.
7. A prosa no tempo das Irmandades da Fala.

59
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

RESOLUCIÓN DA PROBA

1. Indica o tema do texto e fai un resumo do seu contido.

A presenza subxacente da discriminación sexual.

A partir dunha situación vivida na aula, a autora reflexiona sobre a invisibilidade da discrimina-
ción sexual. Defende que cómpre maior concienciación contra esta discriminación que se agocha
na sociedade e desenmascarala. Manifesta que se debe artellar un discurso diferente para poder
vencer esta situación.

2. Explica o significado que ten no texto o seguinte fragmento: «Xa Hannah Arendt dixo que a acción
non é o inicio dunha cousa senón de alguén, porque son as accións as que nos identifican.»

Do fragmento proposto deducimos que o importante non é a acción en si senón que as persoas
reaccionen contra unha situación concreta. O obxectivo non é a acción, senón o feito de que as
persoas se conciencien da situación e que actúen contra ela.

3. Dá a túa opinión persoal sobre as ideas que se transmiten no texto.

Como ben afirma Ánxeles Lema no seu artigo, «… a cuestión de xénero …é unha forza transpa-
rente que está instalada no noso día a día e que está presente a cada momento». Aí precisamente
é onde debemos centrar todos os nosos esforzos. As políticas de igualdade están moi ben e son
necesarias, pero non son a solución á discriminación por cuestión de xénero.
En recentes enquisas feitas entre adolescentes españolas, aproximadamente un 15% asume
con toda naturalidade que os seus mozos lles controlen as conversas de teléfono móbil ou mesmo
a súa forma de vestir cando saen. As listas paritarias na política serven de freo a que se poida pre-
sentar unha candidatura dun partido na que o 95% sexan mulleres, porque, non nos enganemos,
as políticas de igualdade asúmense co máximo e non como o punto de partida.
Desculpamos acotío actitudes como as que se recollen no texto. Sen ir máis lonxe, na última
campaña das eleccións europeas o candidato do PP Miguel Arias Cañete xustificou a perda do seu
debate televisivo coa candidata do PSOE, Elena Valenciano, porque ao tratarse dunha muller non
quixo ser incisivo cos seus argumentos. Xa de por si é grave esta actitude, pero o peor é que as
súas opinións foron xustificadas mesmo polas súas compañeiras de partido e pola xente en xeral.
Noutro país esta declaración suporía a substitución do candidato. Na nosa sociedade non, porque
existe un substrato de pensamento que desculpa actitudes deste tipo.
Non se pode nin se debe esquecer que contra as actitudes concretas e visibles podemos loitar
pero non é doado enfrontarse ás actitudes que se asumen con toda normalidade ou que se des-
culpan.

4. Explica a colocación dos pronomes átonos no primeiro parágrafo.

Cinco son os pronomes átonos que aparecen no primeiro parágrafo, tres en posición enclítica
e dous en proclítica.

60
PROPOSTAS ALTERNATIVAS

- Pronomes en posición enclítica: no primeiro caso trátase de oracións coordinadas afirmativas


(Devolvinllo, agradecín o xesto, e respondeume…, l. 2); no segundo caso o pronome forma parte da
oración principal e esta é afirmativa (O seu riso provocoume o tipo de inestabilidade que sentes…, l. 3).
- Pronomes en posición proclítica: trátase de dúas oracións subordinadas (o único que me dá
en pensar é que se considerou…, l. 5-6).

5. Indica se son abertas ou pechadas as vogais tónicas das palabras que aparecen en negra no texto.
Vogal tónica aberta: sempre, sentes, pé, esfórzome, teñen.
Vogal tónica pechada: fomos, alguén, xente (neste caso tamén podería ser tónica aberta),
haber, cuestión.

61
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

PROPOSTA ALTERNATIVA II

H
ai modelos en Europa que funcionaron á hora de reducir en moito a violencia. A onde
hai que mirar?
Hai modelos que se poden mirar e dos que se pode aprender, como o inglés. E tamén en
Alemaña, onde conseguiron unir a tradición da inchada de sempre que anima co fútbol moderno,
5 onde os intereses económicos e das televisións tamén importan. En España, desde o ano 1995, che-
garon os cartos das televisións e tamén operacións financeiras moi opacas. Equipos como o Mérida,
o Extremadura, o Salamanca… Onde están agora? Tiñamos un modelo de Liga das Estrelas que non
ía a ningures, non era un modelo concreto, senón un modelo que se sostiña baixo unha riqueza
puntual do fútbol, pero agora non se sabe cara a onde vai. Hai competicións absolutamente rancias
10 como a Copa tal e como está montada ou unha Liga onde a emoción brilla pola súa ausencia e
cunha centralización en dous ou tres equipos como moito. E ao resto que lles queda? Sentir as cores,
animar e ir ao campo porque saben que van ver gañar pouco ao seu equipo e o xogo tampouco os
vai apaixonar. Van porque é o equipo da súa cidade ou da súa terra. Por iso moitas destas medidas
que se queren aplicar deben ser moi matizadas en cada caso e moito máis reflexivas, dándolle voz
15 aos afeccionados que non son radicais nin violentos e que teñen dereito a expresarse.
Hai xente que se pregunta por se o ambiente no fútbol se resentirá con estas medidas…
E esa é unha pregunta que eu tamén me fago. O outro día escoitei nalgúns medios que non pasara
nada porque o fútbol seguía, pero para os que cremos que o fútbol é algo máis que velo pola televisión
e que é tamén ambiente, é moi triste. Tense que chegar a unha solución de consenso onde non se
20 borre de vez todo o que representa unha afección que anima. E non só falo da Coruña e de Riazor,
senón de moitos casos. A policía ten que facer un esforzo en non aplicar medidas indiscriminadas,
senón tratar de seleccionar e afinar. Unha vez identificado un elemento violento, hai que practicar
as vixilancias e medidas oportunas. Non é de recibo que non se declarase partido de alto risco o
do pasado domingo e esta fin de semana si se declare un Tropezón-Oviedo. Non teñen sentido as
25 reaccións que están a xurdir.

Fragmento da entrevista ao sociólogo Manuel González Ramallal, en praza.com, 6-12-2014

CUESTIÓNS

1. Ponlle un título ao texto e resume o seu contido.


2. Explica o significado do seguinte fragmento do texto: «A policía ten que facer un esforzo en
non aplicar medidas indiscriminadas, senón tratar de seleccionar e afinar.»
3. Dá a túa opinión persoal sobre a violencia no fútbol: causas e posibles solucións.
4. Localiza e analiza as perífrases verbais presentes no texto.
5. Analiza sintacticamente o seguinte fragmento do texto: «Tense que chegar a unha solución de
consenso onde non se borre de vez todo o que representa unha afección que anima.»
6. A situación da lingua galega de 1900 a 1936: características lingüísticas fundamentais. Con-
texto histórico e situación lingüística.
7. O teatro de posguerra: tendencias, autores e obras.

62
PROPOSTAS ALTERNATIVAS

RESOLUCIÓN DA PROBA

1. Ponlle un título ao texto e resume o seu contido.

Un posible título sería: «Hai que darlles voz aos que non son radicais nin violentos.»

Na entrevista ao sociólogo Manuel González Ramallal analízase a situación de violencia que se


vive no fútbol español e as posibles solucións que se deben procurar tendo en conta o que se fai
noutras ligas do mundo. Despois reflexiónase sobre se as medidas que se van tomar nos estamentos
deportivos van influír negativamente nas afeccións e a na súa asistencia aos estadios.

2. Explica o significado do seguinte fragmento do texto: «A policía ten que facer un esforzo en non
aplicar medidas indiscriminadas, senón tratar de seleccionar e afinar.»

No enunciado proposto faise referencia a que a policía non debe actuar contra todos os searei-
ros que asisten aos estadios. Deben centrar o seu labor nos violentos e naqueles que o único que
buscan é armar lea en lugar de ir gozar dun espectáculo deportivo. Son moitas os casos de estadios
de fútbol onde a policía carga contra afeccionados que permanecían alleos ás liortas, malia estas
producírense na zona onde eles teñen a súa localidade.

3. Dá a túa opinión persoal sobre a violencia no fútbol: causas e posibles solucións.

O deporte que ten máis seguidores en Europa e en América do Sur é o fútbol, un deporte que
esperta moita paixón e que en máis dunha fin de semana xera noticias relacionadas coa violencia
dos seus seareiros. Esta violencia está moi relacionada co carácter dos afeccionados e sobre todo
coas medidas que as propias autoridades e os clubs adoptan contra este tipo de seareiros.
Recentemente, no fútbol español foi noticia que un afeccionado ultra do Deportivo da Coruña
foi asasinado por outros afeccionados do Atlético de Madrid. A actitude inicial dos presidentes dos
dous equipos foi desvincularse deste suceso, actitude que eu considero errónea, xa que as propias
directivas dos clubs son as que promoven a presenza destes violentos nas súas bancadas e mesmo
lles chegan a dar cobertura nos desprazamentos, locais para as súas xuntanzas etc.
Agora parece que equipos como o Deportivo da Coruña queren tomar medidas contra estes gru-
pos violentos, accións que xa levaron adiante outros clubs como o Real Madrid e o F.C. Barcelona.
A solución que se debe adoptar é que as directivas actúen impedíndolles a entrada nos estadios
e non permitindo que os representen. As autoridades deben actuar tamén de forma estrita con-
tra eles. Cando falo de autoridades refírome á Liga de Fútbol Profesional, á Federación Española
de Fútbol e á policía. Pero tamén aos outros afeccionados que acoden os estadios, xa que estes
violentos non deixan de ser unha minoría que pon en cuestión a todos os miles de seareiros que
asisten todas as fins de semana aos estadios de fútbol.

4. Localiza e analiza as perífrases verbais presentes no texto.

Neste texto hai perífrases verbais de distinto tipo: modais de obriga (poden mirar, poden apren-
der, deben ser, tense que chegar, ten que facer, hai que practicar), temporais de futuridade (van
ver, vai apaixonar, queren aplicar) e a aspectual imperfectiva (están a xurdir).

63
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

5. Analiza sintacticamente o seguinte fragmento do texto: «Tense que chegar a unha solución de
consenso onde non se borre de vez todo o que representa unha afección que anima.»

A oración composta que debemos analizar está formada por dous constituíntes, o Núcleo do
Predicado/Predicado (Tense que chegar) e un COMPLEMENTO SUPLEMENTO (a unha solución de
consenso onde non se borre de vez todo o que representa unha afección que anima). No TERMO da
Frase Preposicional temos unha Frase Nominal, que ten á súa vez no seu NOMINAL un NUCLEO
(solución de consenso) e un MODIFICADOR –cláusula subordinada adxectiva (onde non se borre de
vez todo o que representa unha afección que anima).
A cláusula subordinada adxectiva está formada por un NEX/CC (onde), CC (non), NÚCLEO PREDI-
CADO/PREDICADO (se borre), CC (de vez) e un SUX (todo o que representa unha afección que anima).
O SUXEITO é unha Frase substantiva formada por un NÚCLEO (todo) e un MODIFICADOR –Frase
Nominal (o que representa unha afección que anima)–, que ten no seu NOMINAL unha cláusula
subordinada substantiva. Esta cláusula está integrada por un NEXO (que), NÚCLEO DO PREDICADO/
PREDICADO (representa) e o SUXEITO (unha afección que anima). O SUXEITO (Frase Nominal) ten
un MODIFICADOR que é unha cláusula subordinada adxectiva (que anima).

64
PROPOSTAS ALTERNATIVAS

PROPOSTA ALTERNATIVA III

A vida prepara con dedicación artesanal


os seus coitelos máis finos e máis tristes
para que algún día unha folla azarosa toque
[con feitizos a parte da pel en que máis confiamos. E trae
5 as navallas precisas, armas
que apenas mostran a ferida aberta, o río de excesivo
desprendimento e pranto.
Parecen os coitelos, que son palabras amistosas
e ás veces son caricias,
10 instrumentos fermosos para acompañar a solemne
festividade da mesa. Ninguén pensa
que logo da alegría e dos felices
pratos que nos foron servidos e tamén
daquel fluír de rostros que se falan
15 con moito amor despois do viño
os coitelos puidesen abrir follas dentadas,
florir rosas de óxido, brillar
con violenta intención. Pero hai un día
en que todas as navallas e coitelos que foran simplemente avisos
20 para a prudencia
medran ata facerse ferros dun terror que sabe matar.
A vida leva moitos anos preparando armas delicadas
e todas as feridas milimétricas,
os cortes paralelos de lenta miniatura,
25 non foron máis que agoiros dunha crecida de sangue que
nos fará homes moi tristes e moi pacíficos para sempre.

Xosé María Álvarez Cáccamo, Cimo das idades tristes

CUESTIÓNS

1. Indica cal é o tema do texto tendo en conta o seu contido.


2. Explica o significado que ten no poema o seguinte fragmento do texto: «A vida prepara con
dedicación artesanal os seus coitelos máis finos e máis tristes para que algún día unha folla
azarosa toque con feitizos a parte da pel en que máis confiamos.»
3. Dá a túa opinión persoal sobre as actitudes dos medios de comunicación cando se produce un
crime.
4. Segmenta nos seus constituíntes as seguintes formas verbais: foron, falan, puidesen, hai, foran.
Indica ademais a persoa, o tempo e o modo.
5. Indica cal sería a forma das seguintes palabras en cada un dos bloques dialectais e áreas, en
caso de ser necesario: dedicación, moitos e agoiros.

65
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

6. A situación da lingua galega de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Con-


texto histórico e situación lingüística.
7. A poesía de posguerra: tendencias, autores e obras.

66
PROPOSTAS ALTERNATIVAS

RESOLUCIÓN DA PROBA

1. Indica cal é o tema do texto tendo en conta o seu contido.

A dureza da vida.

2. Explica o significado que ten no poema o seguinte fragmento do texto: «A vida prepara con dedi-
cación artesanal os seus coitelos máis finos e máis tristes para que algún día unha folla azarosa
toque con feitizos a parte da pel en que máis confiamos.»

O enunciado quere transmitir que a vida vai pasando e aínda que os momentos duros parecen
non existir hai ocasións en que aparecen por sorpresa. E esa dor que nos provocan vén da man en
moitos casos de quen máis queremos ou en quen máis confiamos.

3. Dá a túa opinión persoal sobre as actitudes dos medios de comunicación cando se produce un
crime.

A misión dos medios de comunicación non debe ser outra que a de informarnos do que acon-
tece no mundo e na nosa contorna máis próxima. Esta presunta obxectividade dos medios deixa
de ser «presunta» xa que cada medio representa un pensamento ideolóxico e como tal enfoca a
información que nos presenta.
Cando se produce un crime que poida ser moi epatante para a poboación é cando os medios
deixan a un lado o código ontolóxico para substituílo pola cota de audiencia. Moitos son os
casos nos que os medios se converten en xuíces diante da opinión pública xulgando o presunto
culpable: caso Asunta, Marta del Castillo… E así poderiamos seguir enumerando casos e máis
casos deste tipo. Pero, que acontece cando co tratamento que fan da información provocan o
«linchamento» público de inocentes, como no caso de Dolores Vázquez, inxustamente acusada de
participar no asasinato de Rocío Wanninkhof, cando finalmente se demostrou a súa inocencia?
Esta presión dos medios non só cae sobre os presuntos culpables, senón tamén sobre os xuíces
que deben ditar sentenza.
Os medios de comunicación deben limitarse a dar información con obxectividade e esquecerse
do sensacionalismo e do «todo vale» para aumentar audiencia ou vender máis exemplares do seu
xornal. Non poden converter a opinión en información, nin tratar esta dende a subxectividade
ideolóxica ou dende a comercial.
Non pode converterse toda a información en editorial.

4. Segmenta nos seus constituíntes as seguintes formas verbais: foron, falan, puidesen, hai, foran.
Indica ademais a persoa, o tempo e o modo.

Foron: terceira persoa do plural do pretérito de indicativo.


fo-: morfema léxico, nuclear, trabado
-ø-: morfema gramatical, trabado, flexivo, vogal temática
-ø-: morfema gramatical, trabado, flexivo, modo tempo
-ron: morfema gramatical, trabado, flexivo, número persoa

67
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

Falan: terceira persoa do plural do presente de indicativo.


fal-: morfema léxico, nuclear, trabado
-a-: morfema gramatical, trabado, flexivo, vogal temática
-ø-: morfema gramatical, trabado, flexivo, modo tempo
-n: morfema gramatical, trabado, flexivo, número persoa

Puidesen: terceira persoa do plural do pretérito de subxuntivo.


puid-: morfema léxico, nuclear, trabado
-e-: morfema gramatical, trabado, flexivo, vogal temática
-se-: morfema gramatical, trabado, flexivo, modo tempo
-n: morfema gramatical, trabado, flexivo, número persoa

Hai: forma non persoal do presente de indicativo.


ha-: morfema léxico, nuclear, trabado
-i-: morfema gramatical, trabado, flexivo, vogal temática
-ø-: morfema gramatical, trabado, flexivo, modo tempo

Foran: terceira persoa do plural do antepretérito de indicativo.


fo-: morfema léxico, nuclear, trabado
-ø-: morfema gramatical, trabado, flexivo, vogal temática
-ra-: morfema gramatical, trabado, flexivo, modo tempo
-n: morfema gramatical, trabado, flexivo, número persoa

5. Indica cal sería a forma das seguintes palabras en cada un dos bloques dialectais e áreas, en caso
de ser necesario: dedicación, moitos e agoiros.

A forma dedicación sería a empregada no bloque central, agás na zona de Santiago, onde sería
dedicasión. No oriental o termo empregado é dedicación e no bloque occidental dedicasión, menos
na área bergantiñá, onde farían dedicación.
No bloque occidental utilízase muitos, e moitos no resto dos bloques, tanto no central como
no oriental.
No bloque occidental, nas zonas limítrofes do bloque central co occidental e na área Ancaresa
do bloque oriental pronúnciase aghoiros. No resto do bloque central e do oriental sería agoiros.

68
PROPOSTAS ALTERNATIVAS

PROPOSTA ALTERNATIVA IV

A
o saír do periódico, xa na noite densa, non había rapaces amándose no portalón de pedra
lisa e penumbrosa do Colexio de Arquitectos, polo que, a falta de distracción, busquei a Lúa.
Erguín a cabeza con ilusión, pero non a atopei sobre o edificio audazmente octogonal de
Vázquez Molezún, como en tempos; nin sequera, brillando sobre o granate das pistas de atletismo
5 nas que adestra Antón. Desprazárase ao leste, houben de procurala moi ao leste, entre o frío pulido
do ceo. A Lúa que quece as almas en Lugo é a mesma que prende os amores nas novelas de Patrick
Modiano. Pola mañá cadráronme condicións felices para poder ler a gusto: tiña o amencer, tres horas
de soidade mansa a gastar e unha cafeteira botando fume como un alegre transiberiano correndo
polo medio da chaira nevada. Lin Accidente nocturno, Anagrama, a xeito: dunha vez e gozándoa.
10 Un rapaz busca unha muller que o atropelara por fortuna nunha noite atrás. O protagonista bota a
novela buscando nela coa ansiedade coa que eu anceio a Lúa no camiño entre o periódico e a casa.
O mozo percorre Montparnasse e a Cité Universitaire para desesperar antes de rematar na outra
banda de París, en Porte Dauphine; en Rue de L’Alboni. Camiña a cidade nocturna, recoñecendo que
«as ventás iluminadas son un misterio para min». O personaxe aspira a atrapar o amor porque sabe
15 que non pode tirar o seu desexo feroz, a infancia, do pozo no que caeu. Nun momento da novela
confésao ao modo de Henri Bergson, ao xeito de Marcel Proust, se o prefiren: «O esquecemento
acaba de rillar lenzos enteiros das nosas vidas e, ás veces, minúsculas secuencias intermedias. E,
nesa película antiga, o mofo do celuloide trae canda si saltos no tempo e nos dá a impresión de que
dous acontecementos sucederon no mesmo día, mesmo que foron simultáneos.»

Santiago Jaureguizar, «As ventás iluminadas na noite son un misterio»,


O Cabaret Voltaire de Jaureguizar; 9-12-2014

CUESTIÓNS

1. Fai un esquema coas ideas principais e secundarias do texto de Santiago Jaureguizar.


2. Chaira é un termo que pertence ao campo semántico dos accidentes xeográficos. Indica ti agora
outros dez termos pertencentes a este campo semántico.
3. Dá a túa opinión persoal sobre a situación que vive o cine español na actualidade.
4. A xeito é unha locución adverbial de modo. Explica o seu significado e pon outros catro exemplos
de locucións adverbiais de modo e indica os seus significados.
5. Indica se son abertas ou pechadas as vogais tónicas das seguintes palabras do texto: periódico,
pantalón, penumbrosa, tempos, amencer, horas, percorre, pozo, mofo, foron.
6. Linguas minoritarias e linguas minorizadas. O galego: lingua en vías de normalización.
7. A narrativa de fins do século XX e comezos do XXI: tendencias, autores e obras.

69
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

RESOLUCIÓN DA PROBA

1. Fai un esquema coas ideas principais e secundarias do texto de Santiago Jaureguizar.

1.1. A soidade na noite despois da saída do traballo.


1.2. A ansiedade do protagonista da novela que está a ler por atopar o amor.
1.2.1. O narrador ten a mesma ansiedade na procura da lúa.
1.3. A destrución que provoca a soidade no ser humano.

2. Chaira é un termo que pertence ao campo semántico dos tipos de terreos xeográficos. Indica ti
agora outros dez termos pertencentes a este campo semántico.

Son termos pertencentes ao campo semántico dos tipos de terreo: bouza, prado, cortiña, seara,
lameira, touza, pomar, souto, piñeiral, matogueira.

3. Dá a túa opinión persoal sobre a situación que vive o cine español na actualidade.

Dende hai moitos anos vénse dicindo que o cine español está en crise de espectadores e mesmo
de produción. Ben é certo que isto está moi condicionado pola presión do cine americano, que
adoita arrasar nas carteleiras ano tras anos. Malia esta idea sobre a situación do noso cine, a ten-
dencia parece estar cambiando, xa non só a saga Torrente enche as salas e racha todas as cifras
positivas de espectadores. No ano 2014 outros filmes foron quen de arrasar nas carteleiras, como
é o caso de Ocho apellidos vascos, El niño e mesmo a produción galega A Esmorga.
As cifras das películas mencionadas están baseadas na calidade e nas temáticas atractivas. Isto
é o que fai que as salas se enchan de espectadores cunhas cifras espectaculares e similares ás das
cintas americanas en España.
Malia os resultados dalgunhas destas películas, esa non é a tónica do cine español. Son moitos
os problemas cos que se atopan os directores españois para poder sacar á luz os seus proxectos,
xa que ata o de agora moitos dos proxectos saíron adiante grazas ás subvencións (que cada vez
son menos), e outro tanto acontece co sector privado. Ben é certo que o relevo foi tomado polas
cadeas de televisión privadas, que se implican na financiación de moitas das producións actuais.
Pódese asegurar que o público responde cando o proxecto cinematográfico é atractivo e se
axusta aos gustos dos espectadores malia a desigualdade de condicións nas que debe loitar o cine
español coa poderosa empresa cinematográfica norteamericana.

4. A xeito é unha locución adverbial de modo. Explica o seu significado e pon outros catro exemplos
de locucións adverbiais de modo e indica os seus significados.

A locución adverbial a xeito significa ‘en boa posición’ ou ‘oportuno’. Outras locucións adverbiais
de modo son: amodiño (‘sen moito apuro’), ás toas (‘sen pensar no que se fai’), ás escuras (‘sen
nada de visibilidade’), a mantenta (‘de forma intencionada’).

5. Indica se son abertas ou pechadas as vogais tónicas das seguintes palabras do texto: periódico,
pantalón, penumbrosa, tempos, amencer, horas, percorre, pozo, mofo, foron.

70
PROPOSTAS ALTERNATIVAS

Vogal tónica aberta: periódico, horas, percorre.


Vogal tónica pechada: pantalón, penumbrosa, tempos, amencer, pozo, mofo, foron.

71
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

PROPOSTA ALTERNATIVA V

coa miña pel podes facer enxertos nas mazairas.


algunhas conservan estirados os nomes que gravei a navalladas
tódalas tardes ó volver da escola.

acostumada a tirar por un poema como por un becerro cando se lle ven as patas,
5 cando xa non se está en idade de medrar
toda maduración require un desgarro de tendóns
entón é cando corren polo meu peito rabaños de cabras que non se dirixen a ningunha parte,
sóbenme ás paredes desde as que te vexo,
arrancan coa lingua o pasto mentres te vas.

10 o tacto dos teus violíns faime chorar terriblemente.

e case non podo soportar que as túas mans me acariñen como a la dos xerseis que me facía a
nai cando era nena.

pero coa miña pel


coa miña pel podes facer enxertos nas mazairas.
Olga Novo, Nós nus

CUESTIÓNS

1. Trata de poñerlle un título ao poema no que se recolla o seu sentido.


2. Explica o significado que teñen no texto as palabras subliñadas.
3. Dá a túa opinión persoal sobre a importancia da vaca na economía do mundo rural galego.
4. Analiza os se presentes no poema explicando a súa colocación e o seu significado.
5. Indica como serían en cada un dos bloques dialectais as formas que aparecen en negra no texto.
Se hai diferenzas coas áreas indícao.
6. O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais.
Contexto histórico e situación sociolingüística.
7. A poesía de finais do século XX e comezos do XXI: tendencias, autores e obras.

72
PROPOSTAS ALTERNATIVAS

RESOLUCIÓN DA PROBA

1. Trata de poñerlle un título ao poema no que se recolla o seu sentido.

Un título axeitado para o poema de Olga Novo podería ser: «Coa miña pel podes facer enxertos.»

2. Explica o significado que teñen no texto as palabras subliñadas.

Enxertos: ‘Fragmentos de pel ou outros tecidos destinados á implantación’.


Desgarro: ‘Esgazamento ou separación en dúas partes’.
Pasto: ‘Herba verde que o gando pace directamente no terreo onde medra’.
Acariñen: ‘Traten con afecto ou con condescendencia’.

3. Dá a túa opinión persoal sobre a importancia da vaca na economía do mundo rural galego.

Castelao nun dos seus relatos de Cousas describe a representación dunha peza en dous actos,
nun deles represéntase a morte dunha cadeliña nun ambiente burgués e no segundo a morte dunha
vaca nunha familia de aldea. A presenza deste último animal non é froito da casualidade, xa que
a vaca é un animal vital dentro da economía dunha familia do rural galego.
A vaca proporciona o leite para o almorzo e para facer o queixo que se pode levar a vender á
feira, ademais é a nai do becerro que se pode vender para fornecer a economía familiar. Polas súas
características pode tirar do carro ou do arado que labra a terra para poder plantar.
Segundo o propio Castelao a vaca é o animal atávico do mundo rural galego. Aínda hoxe en
día segue sendo unha peza importante da economía galega porque son moitas as cooperativas
leiteiras que existen no territorio galego e mesmo pequenas granxas que proporcionan o leite ás
fábricas de produtos lácteos, e a súa carne conforma o selo de calidade tenreira galega, produto
identificador da nosa gandería.
Queda perfectamente claro que a vaca é un animal galego atávico e un dos motores da eco-
nomía galega dende sempre.

4. Analiza os se presentes no poema explicando a súa colocación e o seu significado.

Tres son os se que parecen no poema. Dous deles son impersoais («cando se lle ven as patas»;
«xa non se está en idade») e o terceiro é un reflexivo («cabras que se dirixen a algunha parte»).

5. Indica como serían en cada un dos bloques dialectais as formas que aparecen en negra no texto.
Se hai diferenzas coas áreas indícao.

A forma algunha, presentaríase como alghunha no bloque occidental e nas zonas limítrofes do
central co occidental, ademais de na área ancaresa; no resto sería algunha.
A forma violíns mantería o plural en -ns no bloque occidental, e no central e oriental aparecería
como violís.
A forma mans aparecería como maos nos bloques central e oriental, e manteríase como mans
no occidental.

73
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

Finalmente, a forma facían aparecería como fasían no bloque occidental menos na área ber-
gantiñá, que mantería a forma facían como no bloque central (menos na área de Santiago onde
se realizaría como fasían) e o bloque oriental.

74
PROPOSTAS ALTERNATIVAS

PROPOSTA ALTERNATIVA VI

T
ras vinte e cinco anos da aprobación da CDN, os menores continúan sendo moi vulnera-
bles, millóns de nenos e nenas son vítimas de violacións dos seus dereitos. Organizacións
como Amnistía Internacional denuncian que máis dun millón de nenos e nenas son víti-
mas de tráfico de seres humanos con destino á explotación laboral ou sexual; 300.000 participan
como soldados en conflitos en diversos lugares; máis dun millón están en centros de detención e
nalgunhas ocasións aplícaselles a pena de morte (tres casos en Arabia Saudí no ano 2013); ou que
cada ano dous millóns de nenas corren risco de mutilación xenital. Mais non vaiamos pensar que
estas violacións se producen só nos países do mal chamado terceiro mundo. En España, segundo
Amnistía Internacional, é particularmente preocupante a situación dalgúns menores con problemas
de conduta ou en situación de dificultade social internados en centros de protección terapéuticos.
Como tamén o é que se manteñan as taxas de fracaso escolar por riba do 23 % ou a existencia de
2,3 millóns de nenos e nenas por baixo do umbral da pobreza, cifra á que non é alleo o incremento
da taxa de pobreza infantil que, segundo datos dun recente informe de UNICEF, pasou do 28,2 %
ao 36,3 %, entre 2008 e 2012, ocupando así España o posto número 35 entre os 41 da OCDE. Datos
escandalosos polos que a loita contra a pobreza infantil e a exclusión social e por unha educación
inclusiva e de calidade deberían ser hoxe unha prioridade política.
A situación de precariedade da infancia foi denunciada pola activista paquistaní Malala Yousafzal
e polo activista indio dos dereitos da infancia Kallash Satyarthi, que comparten o Premio Nobel da
Paz deste ano, dúas figuras que actualizan coa súa testemuña a axenda internacional dos dereitos da
infancia. Xaora, como sinala a escritora María Reimóndez, non debemos esquecer que os dereitos
humanos son «como unha leira na que cómpre traballar sen desfalecer, un traballo nunca completo
porque choca fronte os intereses de quen se beneficia da desigualdade». En definitiva, os dereitos
da infancia continúan sendo espazos para a corresponsabilidade e o activismo.

Manuel Bragado, en Faro de Vigo, 9-12-2014

CUESTIÓNS

1. Indica cal é o tema do texto e resume brevemente o seu contido.


2. Explica o significado do seguinte fragmento do texto «os dereitos humanos son “como unha
leira na que cómpre traballar sen desfalecer, un traballo nunca completo porque choca fronte
os intereses de quen se beneficia da desigualdade”».
3. Redacta un texto expoñendo de maneira argumentada o teu acordo ou desacordo coa idea que
sostén Manuel Bragado no seu artigo.
4. Substitúe o CD polo pronome átono correspondente no seguinte fragmento do texto: «compar-
ten o Premio Nobel da Paz». Logo encabeza o enunciado resultante polas partículas: xa, logo,
despois, entón, porque. Non esquezas colocar correctamente o pronome en cada caso.
5. Localiza os diacríticos que aparecen no texto indica o seu significado e o da palabra da cal se
diferencian.

75
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

6. As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa


repercusión nos usos.
7. A literatura galega no exilio: características, autores e obras.

76
PROPOSTAS ALTERNATIVAS

RESOLUCIÓN DA PROBA

1. Indica cal é o tema do texto e resume brevemente o seu contido. [1 punto]

A situación de vulnerabilidade da infancia.

2. Explica o significado do seguinte fragmento do texto «os dereitos humanos son “como unha leira na
que cómpre traballar sen desfalecer, un traballo nunca completo porque choca fronte os intereses
de quen se beneficia da desigualdade”». [1 punto]

No fragmento afírmase que a loita pola defensa dos dereitos da infancia debe ser constante,
porque se deben ter en contra moitos intereses que fomentan a desigualdade e as situacións de
indefensión dos nenos e das nenas, sobre todo nos países en vías de desenvolvemento. Esta situa-
ción, por mor da crise, tamén comeza a darse no coñecido como «primeiro mundo».

3. Redacta un texto expoñendo de maneira argumentada o teu acordo ou desacordo coa idea que
sostén Manuel Bragado no seu artigo. [3 puntos]

Como ben afirma no seu artigo Manuel Bragado, os datos son concluíntes e demoledores.
A infancia, non só no mundo senón tamén en España, atópase nunha situación moi complicada.
Cando falamos da situación dalgúns nenos e nenas pensamos na explotación laboral en Asia
ou en Sudamérica, nas nenas que non poden ir ás escolas nos países islámicos ou nas que prota-
gonizan o turismo sexual en países asiáticos; mesmo nos nenos soldado do Estado Islámico ou en
países africanos. Pero, desgraciadamente, non temos que levar a nosa ollada tan lonxe, en España
a situación dalgúns menores comeza a ser preocupante. Non hai máis que botar man dos propios
datos do texto para ser conscientes de que o problema está moi próximo a nós, taxas de fracaso
escolar no 23% e sobre todo o 36,3% de aumento da pobreza infantil.
Unha sociedade como a nosa non pode deixar de reaccionar diante da situación que viven os
nenos e nenas, xa que eles son o futuro da nosa sociedade. O goberno non pode seguir consentindo
esta situación e debe tomar medidas para solucionalo. Cando existe unha crise como a actual os
gobernos non poden antepoñer a austeridade e os intereses económicos ás condicións de vida dos
nenos e das nenas.

4. Substitúe o CD no seguinte fragmento do texto «comparten o Premio Nobel da Paz». Logo encabeza
o enunciado resultante polas partículas: xa, logo, despois, entón, porque. Non esquezas colocar
correctamente o pronome en cada caso. [1 punto]

O fragmento substituído quedaría do seguinte xeito: compárteno.

Unha vez feita a substitución, e encabezando o enunciuado polas partículas propostas, teriamos
os seguintes resultados: xa o comparten; logo compárteno / logo o comparten; despois compárteno;
entón compárteno; porque o comparten.

77
LINGUA E LITERATURA PROBAS DE SELECTIVIDADE 2015

5. Localiza os diacríticos que aparecen no texto indica o seu significado e o da palabra da cal se
diferencian. [1 punto]

No texto aparecen cinco diacríticos: máis, á, só, é, cómpre.


Máis acentúase porque é un adverbio de cantidade, e para diferencialo da conxunción.
Á acentúase porque é a contracción da preposición máis o artigo, e para diferencialo da pre-
posición ou do artigo.
Só acentúase porque é un adxectivo ou un adverbio, e para diferencialo da preposición.
É acentúase porque é a terceira persoa do presenta de indicativo do verbo ser, e para diferencialo
da conxunción coordinada copulativa.
Cómpre acentúase porque é a forma que significa ‘é necesario’, e para diferencialo do imperativo
do verbo comprar.

78
ÍNDICE

Introdución............................................................................................................................3

A análise de textos..............................................................................................................5
Ideas para o argumentario de comentario de texto................................................11

Probas de Selectividade 2015..................................................................................... 13


Proposta de resposta ás preguntas de sociolingüística......................................... 15
Proposta de resposta ás preguntas de literatura..................................................... 19

Probas resoltas de Selectividade 2015..................................................................... 29


Xuño 2015
Opción A.........................................................................................................................31
Opción B........................................................................................................................ 38

Setembro 2015
Opción A........................................................................................................................ 44
Opción B.........................................................................................................................51

Propostas alternativas.................................................................................................... 57
Proposta alternativa I................................................................................................ 59
Proposta alternativa II............................................................................................... 62
Proposta alternativa III.............................................................................................. 65
Proposta alternativa IV.............................................................................................. 69
Proposta alternativa V............................................................................................... 72
Proposta alternativa VI.............................................................................................. 75

79

You might also like