You are on page 1of 6

MANUEL ANTONIO

A causa da grave enfermidade do seu pai, que faleceu en 1904, Manuel Antonio Pérez Sánchez, poeta

nado na vila coruñesa de Rianxo o 12 de xullo de 1900 e coñecido polo seu nome de pía, pasou, dende

que era neno, grandes tempadas en Padrón, na casa dunha avoa e dun tío cura. A súa educación, tanto

dirixida pola súa nai coma polos seus parentes padroneses, transcorreu nun ambiente conservador e

moi relixioso, orixe, posiblemente, de que fose carlista e xermanófilo na súa xuventude. Aínda que a

intención dos seus familiares era que elixira a carreira eclesiástica, o futuro poeta rexeitouna

categoricamente. Con trece anos iniciou os estudos de bacharelato en Santiago -hospedándose algún

tempo na Casa da Troia-, que concluiría, despois de diversas vicisitudes, en 1920. Durante este período

empezou a despuntar nel un espírito inquedo e incluso aventureiro, tal e como o proba o seu intento de

alistarse no Exército francés durante a I Guerra Mundial, un plano que fracasou cando foi detido en

Irún (Guipúscoa). No tempo que estivo no cárcere, e ata a súa posta en liberdade en Galicia, escribiu

algúns poemas, hoxe perdidos. En 1919 comezou os estudos de Náutica en Vigo, que remataría en

1923.

Na súa etapa de estudante en Santiago de Compostela naceu o seu compromiso coa cultura e a

realidade galegas. Os seus primeiros poemas apareceron na revista Suevia, de Santiago, en 1918;

colaborou no xornal La Redención, de Padrón, e escribiu un soneto de carácter social, "O sol d'a

libertade", practicamente a única mostra deste tipo da súa poética. Ós dezasete anos fíxose membro

do Centro Republicano de Santiago e en 1919 a súa asistencia á II Asemblea Nacionalista Galega, que

tivo lugar en Santiago de Compostela, constataba a súa entrega definitiva á causa do galeguismo.

Dende ese momento acentuouse o seu activismo nacionalista, ó tempo que lía intensamente obras de

autores españois e estranxeiros, en especial de poetas vangardistas. Rapidamente fixo amizade con

boa parte dos intelectuais galegos da época, un feito que constata a súa correspondencia con Vicente

Risco, Victoriano Taibo, Vilar Ponte, Castelao (sobre a arte popular), etc.

En 1920 afiliouse á Xuventude Nazonalista Galega e participou nas primeiras asembleas nacionalistas.

En 1921, residindo xa en Vigo, e militando nas Mocedades Galeguistas, escribiu, con Xavier Soto,

¡Terra ceibe! Os bos galegos, un pequeno texto en contra do Concello de Vigo por non usa-la bandeira

galega xunto coa española. Ó ano seguinte publicou na revista Alborada e redactou, con Álvaro

Cebreiro, o manifesto ¡Máis alá! Ó mesmo tempo matriculouse nalgunhas materias na Facultade de

Filosofía e Letras da Universidade de Santiago, estudos que nunca acabaría, e rematou o libro de

poemas Sempre e mais dispois, que non chegaría a publicar en vida. Por este tempo traduciu a Edgar

Allan Poe e cara a 1924 apareceu como representante en Rianxo da Irmandade Nazonalista Galega. A

pesar de toda a súa fe nacionalista, o seu pensamento inclinaríase cara a un certo anarquismo nos

últimos anos da súa vida.


A partir de 1926, e ata a súa morte, realizou constantes viaxes como mariño mercante, percorrendo

toda a costa peninsular no paquebote Constantino Candeira e máis tarde a de América do Sur, no

Gelria, e a de África occidental, no Arosa.

En 1928 saíu do prelo, baixo o selo da editorial Nós, a primeira edición do único libro que Manuel

Antonio publicou en vida, De catro a catro, e que recolle as súas composicións máis representativas.

Esta obra, dedicada a Augusto Lustres Rivas, capitán do Constantino Candeira, está baseada nas

experiencias das súas singraduras mariñas. No mesmo ano deixou redactado un pequeno número de

poemas baixo o título de Viladomar. En 1929 o seu estado de saúde agravouse, e dende Cádiz, cidade

na que desembarcara da súa última viaxe, retirouse á súa casa de Asados (Rianxo), onde faleceu de

tuberculose o 28 de xaneiro de 1930.

As coleccións de poemas que non publicara en vida foran agrupadas polo propio poeta cos seguintes

títulos: Con anacos do meu interior, que recolle composicións dos anos 1921 e 1922; Foulas, que

recompila outras escritas entre 1922 e 1924; e Sempre e mais dispois, que agrupa a produción

posterior a 1928. Ademais destes, escribiu outros poemas soltos entre 1918 e 1928 e algúns textos en

prosa, entre os que hai que destaca-los seus comentarios literarios, un conxunto de textos que aínda

non foi publicado.

O recoñecemento oficial da súa obra produciuse coa dedicación do Día das Letras Galegas no ano

1979.

Manuel Antonio era, ata mediados da década dos 70, un poeta escasamente coñecido e cunha

produción moi reducida, posto que só se sabía da existencia dalgúns poemas soltos e da obra De catro

a catro, da que non houbo ningunha reedición entre 1928 e 1972. Neste ano publicouse por primeira

vez a súa obra poética completa, con todo o material que aínda permanecía inédito: I Poesías, unha

compilación de Domingo García-Sabell -quen logo editaría tamén o volume III Correspondencia

(1979)- e reforzada, en 1992, con criterio crítico, en Poesía galega completa, de Xosé Luís Axeitos.

Esta edición engadiu un poema inédito e rescatou dous escritos en castelán, ademais de varios textos

en prosa que non foran recollidos nun libro ata ese momento.

A aparición da súa poesía inédita obrigou a cambia-los conceptos sobre a calidade e capacidade

creativa do escritor rianxeiro e, en consecuencia, sobre o vangardismo galego. Este descubrimento

revelaba un poeta máis versátil, que non estaba centrado exclusivamente nos temas mariños, e

permitía, ó mesmo tempo, traza-la súa evolución poética con máis precisión e o paso de formas

tradicionais a outras vangardistas, a pesar da perda irremediable que poida supoñe-lo feito de que a

súa nai queimase, aparentemente, boa parte dos papeis de Manuel Antonio ó falecer este.

Dentro do panorama da poesía galega do seu tempo era dominante a creación de tipo tradicional con

influencias modernistas, ou incluso anteriores, que recollía motivos de sobra coñecidos. Poderían
apuntarse algúns gromos moi solitarios, como o poema futurista de Vicente Risco de 1917, pero que

non chegaron a orixinar de forma expresa ningunha corrente con suficiente entidade. Por isto, o trazo

que primeiro debe subliñarse é o de que Manuel Antonio resulta se-lo primeiro poeta vangardista

galego, tanto temporal coma cualitativamente. É evidente, por outra parte, que o autor de Viladomar é

un claro exemplo do proceso de renovación que se desencadea en Galicia a partir de 1920. Dende a

publicación do manifesto ¡Máis alá!, no que parece que Manuel Antonio tivo maior responsabilidade que

Cebreiro, quedou patente a súa vontade de ruptura, que cristalizou a nivel poético en De catro a catro.

Este pequeno libro, Follas sin data d'un diario d'abordo, como di o seu subtítulo, converteuse nun

elemento fundamental para a literatura galega, por se-la primeira manifestación dunha concepción que

tiña o obxectivo de implantar unha poética posta ó día no seo dunha poesía ancorada en formas e

contidos convencionais. A súa obra creativa insírese, por todo isto, dentro do contexto cultural galego

e, ó mesmo tempo, dos vangardismos literarios que se sucederan con rapidez dende o século anterior.

Máis especificamente, esta obra pertence de cheo á estética do creacionismo, aínda que presenta

tamén elementos ultraístas, herdeiros dun dadaísmo que non chegou a ter un grande efecto na

Península Ibérica.

Non obstante, o vangardismo de Manuel Antonio non nace directamente das súas manifestacións nas

capitais europeas. Así xorden un ritmo entrecortado, unhas funcións gramaticais novidosas e incluso a

semiotización da trama poética en certo absurdo intencional. Todo iso, ó esquiva-la narración lineal,

apunta cara á conciencia do poema como obxecto creado que ten valor en por si, e non como reflexo

do mundo circundante. Incluso noutras composicións de Con anacos do meu interior, hai cortes

sintácticos que impiden lelas como narracións tradicionais, aínda cando non superan a forza cohesiva

do argumento e de descricións que se refiren a un escenario tipicamente galego.

Nos poemas de Foulas reafírmanse o vangardismo e a capacidade creativa do seu autor. Neles

afianzáronse con maior intensidade a refracción das imaxes e o perspectivismo lingüístico que

caracterizan a poesía creacionista. A lección dos poetas franceses (Max Jacob, Pierre Reverdy ou

Guillaume Apollinaire) e dos de fala hispana (Vicente Huidobro, Gerardo Diego ou Guillermo de Torre) é

asimilada polo poeta galego e adaptada ó ambiente de Galicia. De feito, Manuel Antonio, máis que

calquera outro escritor de vangarda, arraiga a súa obra, esteticamente autónoma respecto á realidade

en xeral, na realidade galega. É dicir, os motivos, a pesar da estruturación novidosa na que se

engarzan, non resultan irrecoñecibles para o lector da súa terra. E é que a poesía cubista ou

creacionista, mentres que fai desamaños múltiples de lexemas e sintagmas no marco da obra vólveos

a organizar no que vén a ser unha destilación esencial do reflectido alí. Por iso o poeta rianxeiro ten

unha dobre importancia. Por un lado, dende a súa Galicia natal, leva á práctica as correntes literarias

de última hora en toda Europa. Neste sentido forma un decisivo punto de apoio, con outros intelectuais

galegos, para a contemporaneidade das letras no país galego. Porque se xa ó empeza-la terceira
década deste século Manuel Antonio estaba lendo revistas como a francesa Manomètre, Prisma de

París ou Reflector de Madrid, en Alfar (A Coruña, 1923) e en Ronsel (Lugo, 1924), revista na que o

poeta colabora, publícanse, simultaneamente, ensaios sobre novas formas de poetizar, de autores

como Ramón Gómez de la Serna ou Evaristo Correa Calderón, entre outros moitos. Por outro lado é

importante, ó mostra-la capacidade humanizadora da nova creación, o seu poder de integrar

elementos autóctonos nas formas máis audaces, á vez que universais, co resultado de que o

creacionismo en Galicia realiza unha síntese orixinal entre os elementos particulares da tradición

galega e os xerais do movemento vangardista. O escribir tan axustado ó ámbito natal, aínda que

empregando técnicas que, segundo os seus estudosos, nin sequera dependían dunha lingua en

particular, dá orixe a unha condición contraditoria que produce unha tensión en cada poema, unha das

varias que se enxergan na súa obra. A arte de última hora buscaba a obxectividade ou a simple

disposición de elementos sobre o lenzo poemático, ó mesmo tempo que se intensificaba o obxectivo

tamén ó selecciona-la perspectiva afastada, física e emocionalmente, do suceso poético:

Todos presentíamos que a noite


preparaba algún sofisma
E o faro estraviado
daba o S-O-S-
n-o morse
-clave Orión-
d'as estrelas
("S.O.S.")

Non está ausente certo intento por restarlle importancia á realidade, actitude moi conforme cunha

literatura que non se preocupaba pola transcendencia social do seu contido. De aí resulta outra fonte

de tensión, agora entre o autor -en contacto estreito cos movementos sociais galeguistas- e a súa

obra. Nela predominan o mecanismo e o estatismo; deliberadamente son poemas nos que non pasa

nada, ou se pasa, non ten motivo nin fin aparente e non afecta ó eu espectador. Este eu poético, moi

propio do creacionismo, afástase do inventado por el, contemplándoo pero sen desexar obrar máis:

son ollos que pintan


un novo paisaxe
e os ouvidos que inventan
unha nova voz.
("Indelébel")

Non obstante, este pequeno deus, característico da poesía de Huidobro, non se universaliza tanto nos

motivos. De feito, onde Galicia florece con máis vigor na poesía de Manuel Antonio é no tratamento da

paisaxe. Hai un cambio evidente na aproximación a esta que xa non cae nas fórmulas anteriores e que
el criticara no seu manifesto. Na súa visión do natural predomina a presenza do mar, nas velas, os

naufraxios, as redes, as gaivotas, a foula, a xerfa e o ronsel. Os espazos tamén adoitan se-los do

mariñeiro: os horizontes cosidos, as singraduras, as noites siderais, cos que convive e entre os que se

move na realidade... Por iso son, máis que creacións estéticas, verdadeiras vivencias. Neste sentido, as

descricións do protagonista poético non se desprenden tan facilmente do seu creador. A súa

obxectividade nun primeiro plano é á vez revelación abstraída da intimidade que o mariñeiro establece

co silencio, o tempo e o medio natural que o acompañan durante longas temporadas.

É esta dobre realidade de poeta vangardista e de home de mar o que permite sospeita-la existencia

dun sistema dual de isotopías baseadas na metáfora coñecida de navegación=escritura. Deste modo,

habería que subverte-lo contido de termos significativos como S.O.S. (sós=soidade do artista), velas

(tea, papel en branco), cartas (das rotas marítimas, de amor, papel), xerfa, foula (espuma, brancura,

pluma), proas (esgazan, negan a materialidade) ou naufraxio (fracaso da escritura), por poñer só uns

cantos exemplos. Neste sentido, Manuel Antonio continúa a liña poética de Stéphane Mallarmé coa

articulación de diferentes niveis denotativos ou isotopías específicas no poema. Tamén mantén a

tradición/innovación do léxico, con elementos referentes á música, ós obxectos cotiáns, á realidade

inmediata fusionada coa cosmopolita ou ós instrumentos (máquinas) de medición do tempo e do

espazo, que no cubismo pictórico ou literario se fragmentan sen perde-la súa identidade. Por último,

hai en Manuel Antonio unha burla do sentimentalismo romántico e modernista, ó ironiza-lo respecto ás

manifestacións de sufrimento -o suicidio- causadas polo amor.

A renovación do contido ten o seu reflexo inevitable nas formas de distribución dos versos. De novo, o

poeta galego continúa as prácticas promovidas polos creacionistas e outros movementos de vangarda.

Nunca perde de vista a importancia da páxina en branco, o espazo aberto sobre o que se estende a

escritura. E así asumen carácter especial os versos desiguais, as disposicións en repetición ou en forma

de debuxo sinxelo, os caligramas. Está claro o intento de fusiona-la imaxe poética e a visual en versos

como

faro
faro faro faro
faro
ou o propósito de reforzar un fenómeno temporal como o da simultaneidade en

caluca de arcos eléitricos


Redemuiña riola de buguinas
profanidades e balbordos
Levando a simultaneidade un paso máis adiante, vese que a xustaposición non acontece só no tempo,

senón tamén no espazo da páxina.


O manifesto ¡Máis alá! merece unha atención especial debido a que é o único exemplo co que conta a

literatura galega daquel tempo. Iníciase coa expresión do seu obxectivo primordial, a captación dun

público ou dunha audiencia, aquí mediante o recurso de negar esta intención. Un segundo conxunto

temático compono o balance da realidade literaria galega, cos seguintes puntos destacados: acusación

ós escritores convencionais da súa falta de sensibilidade, rutina creativa e irresponsabilidade social

(procesamento dos poetas clásicos galegos como Rosalía, Pondal, Curros ou Lamas, nos que encontran

un valor literario nulo, pero que exculpan en razón do seu patriotismo) e revisión dos escritores

galegos en español, que reciben comentarios moi acedos e negativos. Un terceiro conxunto recolle a

definición do seu ideario: destacan a necesaria unión da arte e do artista coa sociedade galega,

ameazada polo centralismo español; opóñense ás fórmulas tradicionais, pero tamén ós vangardismos,

por recaer no erro de impor novas normativas; desenvolven unha defensa da lingua, rexeitando

comportamentos artísticos diglósicos, e mostran unha conciencia lúcida da importancia artística e social

da lingua, aínda que detrás da súa exaltación se perciba unha certa imprecisión; avogan por unha

liberdade de busca individual e plural nos seus procedementos, negación dos preceptos estéticos;

propoñen a primacía da liberdade, tanto respecto do maxisterio do escritor consagrado coma das

normas estéticas establecidas ou dos temas convencionais, no caso de Galicia, a lamentación chorosa

da patria ou da paisaxe; defenden os dereitos vitais sobre os costumes ou as conveniencias sociais;

esixen a orixinalidade como condición da pureza da obra artística e, como remate, o individualismo

máis puro. Finaliza o manifesto cunha chamada ó público, en especial ó que se dirixen os autores: a

xuventude.

(Kathleen N. March)

© Enciclopedia Galega, SA, 2005


Tódolos dereitos reservados.

You might also like